Alexis Viéitez faise coa vitoria na Subida á Escusa e encarrila o título galego
Por Redacción
A XIX edición da Subida á Escusa chegou este domingo ao seu final tal e como empezou, co dominio absoluto de Alexis Viéitez.
O piloto da escuadra organizadora da proba, Buxa Motor Poio, volveu ser o máis rápido na xornada dominical impoñéndose nas dúas mangas cronometradas e non dando opción aos seus rivais.
Viéitez impúxose desta forma por diante de Pablo Rey (T.Martínez Racing) e Martín Villar (Outeda Racing), segundo e terceiro na clasificación final. Con esta vitoria Alexis Viéitez deixa practicamente sentenciado o título no Campionato Galego de Montaña, que certificará salvo imprevisto na Estrada o 6 e 7 de outubro.
En canto aos vehículos carrozados o máis rápido en Poio foi Santiago Abad (Congostra Team) co seu Lamborghini Gallar, oitavo na xeral e seguido moi de preto por Manuel Senra e o seu Peugeot 306 Maxi.
A competición automobilística volveu resultar un éxito de público, con dúas xornadas de importante presenza de afeccionados.
Consulta a clasificación final oficial da XIX Subida á Escusa.