Moisés Pereiro, Cristóbal Juncal e Jacobo serán baixas na despedida ligueira do Pontevedra
Por Ramiro Espiño
Será un partido máis, sen alicientes, sen emoción. Unicamente estará en xogo para uns, o Deportivo B, preparar a inminente fase de ascenso, para outros, o Pontevedra, rematar de forma o máis decorosa posible unha tempada para esquecer, que a punto estivo de salvar unha máis que aceptable segunda volta da competición, pero que rematou como apuntaba alá polo mes de agosto, cando o equipo non ofrecía as mellores sensacións e mostraba as carencias que logo custaron tantos puntos e tantos partidos, que agora provocan ter que seguir os play-off a distancia.
Pero hai que cumprir o expediente, e para iso Milo Abelleira terá que prescindir da maior parte dos seus xogadores máis veteranos no intranscendente partido de Abegondo. Moisés Pereiro e Cristóbal Juncal son baixas por acumulación de tarxetas, mentres que Jacobo continúa con molestias nas costas, polo que o técnico, ao non haber nada en xogo, evitará forzalo.
A dúbida está en saber se David Pérez poderá participar. O xogador esperará ao adestramento do sábado para decidir se os seus problemas musculares quedaron atrás.
Os granates adestraron na mañá do xoves en Pasarón e volverán facelo na matinal do sábado, pero en Príncipe Felipe, xa que o estadio acollerá o sábado pola tarde o partido do filial.
Ata entón haberá que esperar, mentres seguen as dúbidas e especulacións sobre o futuro, dúbidas que poderían comezar a aclararse a comezos da semana próxima, na reunión que celebrará o Consello de Administración, e á que esta previsto acuda Milo Abelleira, quizais coa finalidade de avanzar na súa posible contratación como Director Deportivo para as próximas dúas ou tres tempadas.