A valisoletana Irene García reforza o Poio Pescamar
Por Redacción
O inicio de liga achégase cada vez máis para o Poio Pescamar, que esta semana pechou unha nova incorporación para o seu plantel.
Trátase da xoven valisoletana Irene García, procedente do Universidad de Valladolid da Segunda División.
Irene, de só 18 anos, actúa de peche e "destaca pola súa calidade e desenvoltura co balón así como a súa contundencia en defensa", sinalan desde o equipo vermello.
Co inicio da semana Irene García sumouse aos adestramentos co resto das súas novas compañeiras, entre as que xa se atopaba a brasileira Daniella Sousa tras conseguir formalizar o seu visado de traballo.
O conxunto adestrado este curso por Dani Díaz continúa coa súa preparación cun novo amigable no horizonte, o que afrontarán o próximo sábado 15 de setembro na pista do Ourense Envialia.
Ademais, nos próximos días o Poio Pescamar ten pensado desvelar a súa nova campaña de socios e o novo equipamento do primeiro equipo.