Martín Carrera e Sonia Pariente gañan en Poio e son os novos campións galegos de acuatlón
Por Redacción & Mónica Patxot
Martín Carrera (Náutico de Riveira) e Sonia Pariente (Tríatlon Rías Baixas) proclamáronse este sábado campións galegos de acuatlón absolutos. Foi durante a segunda edición do Acuatlón Concello de Poio, celebrada en Combarro, e no que participaron 200 deportistas.
A proba absoluta comezou ás 18:00 horas coa participación de 76 deportistas das categorías absoluta, júnior e veterano. Nesta proba as distancias foron de 1.000 metros de natación e remataron con 5.000 de carreira. A saída, transición e meta estaban instaladas na Praza da Chousa, en Combarro.
Na categoría feminina logrou o título Sonia Pariente, facendo unha espectacular remontada na carreira a pé. Noelia Gómez (Tríatlon Arteixo), Marta Barbeito (Náutico de Narón) e Penélope Martínez (Tríatlon Arteixo) saíron en cabeza do primeiro sector, mentres que Sonia ía na cuarta posición a case un minuto de distancia.
Pero na carreira a pé, Pariente foi moi superior para lograr o triunfo cun tempo final de 36:01, mentres que segunda foi Penélope Martínez (36:30) e o bronce foi para Marta Barbeito (37:27).
Na proba masculina saíron da auga cinco homes -Marcos Ruíz, Marcos Vila, Borja Álvarez, Cristian Fernández e Martín Carrera- en menos de dez segundos e así parecía que todo ía decidirse na carreira a pé, onde Martín Carrera -campión do 2017- fixo o segundo mellor parcial para lograr impoñerse na liña de meta cun tempo de 29:52.
A segunda posición foi para Marcos Ruíz (Tríatlon Ferrol) a 19 segundos e o terceiro posto foi para Ismael López (Cidade de Lugo Fluvial) que realizou un espectacular tramo de carreira a pé, logrando o mellor parcial, e remontando ata o terceiro chanzo do podio (30:17).
Pola súa banda, Elena Conde (Trinorth) e Denis Incutti (Natación Riveira) foron os gañadores da categoría junior e Aída García (Tríatlon Rías Baixas) e Diego Sotelo (Tríatlon Ourense) triunfaron entre os veteranos.
As probas comezaron ás 16:00 horas coa disputa das categorías menores, con distancias adecuadas as súas idades.
Os gañadores foron Lucía Villarnovo (Tríatlon Ferrol) e Paulo Rivas (AD Fogar) na categoría benxamín, Manuel Souto (AD Fogar) e Marta Novo (Motobike Galaico Pontevedra) na alevín, Alejandro Rodríguez (Tríatlon Ferrol) e Victoria Ana Cons (Motobike Galaico Pontevedra) na infantil e Jorge González (Natación Riveira) e Miriam López (Cidade de Lugo) entre os cadetes.