O Internacional de Tenis de Mesa cumpre 20 anos consolidado como "o mellor torneo de Galicia"
Por Diego Espiño
O pavillón da Cidade Infantil de Príncipe Felipe será escenario durante a fin de semana, o sábado 8 e o domingo 9 de setembro, da XX edición do Torneo Internacional de Tenis de Mesa organizado polo TM Monte Porreiro.
"Está a consolidarse como o mellor torneo de Galicia con diferenza", explicou na súa presentación Nando Álvarez, adestrador do club pontevedrés, acompañado da concelleira de Deportes, Anxos Riveiro, e da deputada provincial Chelo Besada.
A alta participación prevista, con máis de 210 deportistas, obrigará a aumentar de 16 a 18 as mesas que se instalarán na pista do pavillón para gozar de dúas xornadas "moi intensas e moi compactas" con presenza de clubs de toda Galicia e tamén de Portugal.
A competición comezará o sábado ás 10:00 horas coas diferentes categorías de base, ata aproximadamente as 19:00 horas, mentres que o domingo disputaranse as categorías absolutas a partir das 10:30 horas.
Como novidade, por primeira vez o torneo absoluto dividirase en tres competicións 'open' en función do nivel dos deportistas para tratar de elevar a competitividade.
A presentación do torneo serviu ademais para anunciar a renovación do patrocinio do Pub Patrimonio como apoio do equipo masculino da entidade na 1ª División nacional.
Relacionadas:
-
A tempada do Tenis de Mesa Monte Porreiro, en marcha co seu Torneo Internacional
Por Redacción & Diego Torrado |
-
O Tenis de Mesa Monte Porreiro, a pleno rendemento e mirando cara ao seu Torneo Internacional
Por Redacción |
-
O Tenis de Mesa Monte Porreiro apostará polo mesmo equipo para competir na máxima categoría
Por Diego Espiño |