Unha escapada dá a Óscar Brea o triunfo na Volta a Cantabria
Por Redacción
O Grupo Deportivo Supermercados Froiz consolida o seu liderado no ranking nacional do ano despois de conseguir o triunfo na xeral da Volta a Cantabria.
Óscar Brea deu a volta á clasificación na última xornada da rolda cántabra, grazas a unha escapada no último porto da etapa na que marchou xunto a Shoi Matsuda. O corredor xaponés levou o triunfo de etapa ao sprint, pero Brea fixo valer os 17 segundos cos que chegaron de vantaxe sobre o pelotón para facerse coa camisola amarela desbancando a Antonio Angulo (Lizarte) por só 5 segundos.
O ciclista estradense foi moi regular durante toda a volta, empezando polo sétimo posto que logrou na cronoescalada inicial, na que se deixou 7 segundos, e seguindo pola etapa en liña da segunda xornada, na que entrou en meta undécimo a 9 segundos do vencedor.
Os 17 segundos cos que chegaron a meta na última xornada con respecto aos seus perseguidores déronlle tamén o Froiz o premio de impoñerse na clasificación xeral por equipos con 4 segundos de vantaxe sobre o Lizarte.
Tras esta cita o equipo dirixido por Evaristo Portela empeza a mirar xa de esguello a un dos principais obxectivos de cada tempada, a Volta a Galicia que se disputará do 20 ao 23 de setembro.
Relacionadas:
-
O Froiz, a poñer a guinda á tempada na Volta a Galicia
Por Diego Espiño |
-
O Froiz asina un triplete na casa e leva o Trofeo Cidade de Pontevedra
Por Redacción & Diego Torrado |
-
O Froiz, a consolidar o seu liderado no ránking nacional na Volta a Cantabria
Por Redacción |
-
Tripla vitoria para o Froiz no Díptico de Vigo
Por Redacción |
-
Óscar Brea leva a Volta a León
Por Redacción |