Bádminton e pádel súmanse ás actividades previstas nas Escolas Deportivas de Marín
Por Redacción
Esta tempada, o Concello de Marín ofrecerá 26 actividades dentro das Escolas Deportivas Municipais. Nesta ocasión o bádminton e o pádel serán as novidades que se suman ás que veñen practicando como atletismo, baloncesto, boxeo olímpico, tenis, fútbol sala, fútbol, ciclismo, piragüismo, vela, judo, natación infantil, natación, patinaxe, remo, taekwondo, xadrez, ximnasia rítmica, ximnasia artística, acrobática, tríatlon, pilates, hockey sobre patíns en liña, hip hop e waterpolo.
Todas estas actividades desenvolveranse en instalacións tanto de propiedade municipal como alleas. Pavillóns como o da Raña, Sequelo, Cañota, Illa de Tambo, Mestre Landín, San Narciso, así como o Estadio Municipal de San Pedro e as instalacións da Escola Naval Militar, onde se levarán a cabo catro actividades.
O venres 31 de agosto está previsto que se presente a nova tempada coa tradicional gala de presentación de todas as escolas deportivas de Marín nun acto que se celebrará na Alameda Rosalía de Castro.
Para inscribir aos menores, con idades entre 4 e 16 anos, nestas actividades será necesario apuntar os escolares na web do Concello a partir do sábado 1 de setembro. Tamén se poden inscribir en persoa a partir do 3 de setembro no edificio do Concello. Unha vez que se publiquen as listas, as persoas admitidas deberán pagar as taxas achegando 40 euros anuais.
A partir do 1 de outubro, as escolas deportivas comezan a actividade. O concelleiro de Deportes e Mocidade de Marín, Antonio Traba, espera que nesta tempada supérese a cifra de 850 participantes.