A armada pontevedresa, ao asalto do Mundial de piragüismo en Portugal
Por Redacción
A localidade portuguesa de Montemor O Velho acolle desde este mércores o Campionato do Mundo Sprint de Piragüismo, cunha importante presenza pontevedresa.
Tras unha primeira xornada dedicada á modalidade de paracanoe, o groso da expedición galega debuta o xoves coas roldas eliminatorias. Será o momento de ver en acción por exemplo a Sergio Vallejo e Adrián Sieiro no C-2, co obxectivo de pasar á final e meterse na loita polas medallas. Os padexeiros do Piragüismo Poio Pescamar participarán ademais na distancia de 500 metros.
No C-4 500 metros competirá Noel Domínguez (Breogán do Grove) xunto aos seus compañeiros David Barreiro e Pablo Graña do Náutico Rodeira e o murciano Mohssine Moutair.
No kaiak dobre tomará parte Carolina García (EP Ciudad de Pontevedra) xunto a Aida Bauza nos 200 metros, mentres que na proba de 500 metros competirá Natalia García (Breogán) facendo parella con Laia Pelachs.
Tamén debutará o xoves na canoa feminina Antía Jácome (Ciudad de Pontevedra) en C-1 200 metros, facendo dobrete no C-2 200 con María Pérez (O Muíño).
Por último, o canoísta do Grove Tono Campos, recentemente campión de Europa de maratón, sairá o domingo na final de C1-5.000 metros, sen esquecer aos cangueses Teresa Portela no K-1 200 metros e Rodrigo Germade dentro do K-4 e o K-2 500 metros.