O vilagarcián Jacobo García, novo campión mundial sub-17 da clase 420 de vela
Por Redacción
O deporte da vela volve estar de parabéns na provincia grazas a dous dos seus regatistas, protagonistas do Campionato do Mundo da Clase 420 celebrado nos últimos días na localidade estadounidense de Newport.
A maior xesta foi a protagonizada polo vilagarcián Jacobo García na categoría sub-17, na que competía xunto ao coruñés Antonio Ripoll. Ambos os dous lograron facerse coa medalla de ouro ao superar ás tamén españolas Marina Grau e Blanca Cabot por só dous puntos de diferenza despois de 12 mangas oficiais.
García sucede así no palmarés do Mundial sub-17 a Pedro Ameneiro, regatista de Poio que tamén competiu en Newport con grandes resultados logrando subir ao podio na categoría absoluta.
Ameneiro (RCN Vigo) formou parella co vigués Martín Wizner, logrando unha brillante medalla de bronce ao concluír con 80 puntos, a só un da medalla de prata que lograron os canarios Elías Aretz e Pablo García. O ouro absoluto foi de maneira clara para os neozelandeses Seb Menzies e Blake McGlashan.
Os deportistas españois sumaron en Newport oito medallas, tres delas de ouro.
Relacionadas:
-
O pontevedrés Pedro Ameneiro e o vigués Martín Wizner, clasificados para ao Mundial Xuvenil
Por Redacción |
-
Pedro Ameneiro ou como soñar desde Poio cos Xogos Olímpicos
Por Redacción |
-
RADIO.- Pedro Ameneiro: "Practicar vela non é caro, o caro é competir"
Por Marisa Ciordia |
-
O pontevedrés Pedro Ameneiro, campión do mundo sub-17 na clase 420 de vela
Por Redacción |