Arruabarrena, a menor ritmo no seu primeiro día como granate
Por Diego Espiño
Mikel Arruabarrena xa exerce como xogador do Pontevedra Club de Fútbol. O dianteiro vasco incorporouse este martes aos adestramentos do equipo granate na sesión celebrada no campo da Seca, en Poio, aínda que o fixo a menor ritmo que os seus compañeiros.
O veterano futbolista, de 35 anos, chegou á cidade de Lérez recentemente recuperado dunha lesión muscular no xemelgo que se produciu en pretempada co seu anterior equipo, o Fuenlabrada, polo que Luismi preferiu non forzalo.
"Hemos decidido que hiciera un trabajo a parte porque venía de muchas horas de coche", xustificou o técnico.
O certo é que tras as presentacións iniciais, Arruabarrena completou a primeira parte da sesión, con exercicios físicos, e tamén tocou balón sen forzar a máquina, pero retirouse do grupo cando a intensidade creceu para exercitarse por separado realizando carreira continua e baixo a vixilancia dos recuperadores.
A pesar diso, Luismi non descarta o seu debut o vindeiro xoves no amigable previsto en Betanzos, no que "posiblemente jugará un rato, para que se vaya adaptando a nuestra idea, nuestro modelo de juego y sobre todo compenetrándose con los compañeros", recoñeceu o adestrador granate, que ve no dianteiro unha peza que dá "más presencia arriba, aguantar el balón, ser un hombre más finalizador, de área y que domina el juego aéreo".
Ademais de Mikel Arruabarrena, tamén Álex González continúa cun plan específico de recuperación das molestias musculares que lle mantiveron boa parte da pretempada a menor ritmo. Pola súa banda tamén están entre algodóns Pedro Vázquez e o canteirán Juan Barbeito.
Relacionadas:
-
Suma e segue o Pontevedra en pretempada ao superar con solidez o Racing de Ferrol (0-2)
Por Redacción |
-
Ensaio xeral en Ferrol a unha semana de iniciar a liga
Por Diego Espiño |
-
O Pontevedra vence en Betanzos e mantén a súa imbatibilidade na pretempada
Por Redacción |
-
O Pontevedra aparca o céspede artificial no tramo final da pretempada
Por Redacción |
-
Mikel Arruabarrena é o dianteiro elixido polo Pontevedra para pechar o seu plantel
Por Diego Espiño |
-
Recital de Romay, autor de catro goles no triunfo granate sobre o Juvenil de Ponteareas (1-6)
Por Redacción |
-
Vitoria pola mínima do Pontevedra ante o Fabril nun amigable sen pena nin gloria
Por Diego Espiño & Paula Sanmartín |