Un torneo de nivel nacional para promocionar o fútbol sala en Marín
Por Redacción
O pavillón marinense da Raña vivirá o vindeiro sábado 18 de agosto unha xornada do mellor fútbol sala con equipos da elite nacional tanto en categoría feminina como masculina.
O prato forte da xornada será a presenza do actual campión da Liga Nacional de Fútbol sala (LNFS), o Inter Movistar, que se enfrontará ao Burela, recentemente descendido desde a máxima categoría. Será a partir das 19:30 horas.
Antes, desde as 17:00 horas, o club local, O Fisgón, que milita na Segunda División Feminina, xogará un encontro amigable na mesma pista ante o Amarelle, equipo da Primeira División.
O Torneo Nacional de Futsal de Marín está organizado polo propio Fisgón, a Escola Deportiva Marín e o Concello.
A entrada ten un custo de 8 euros en venda anticipada e de 10 euros en despacho de billetes.