O Trofeo Princesa de Asturias de piragüismo, cita obrigada no verán deportivo da comarca
Por Redacción
A Ría de Pontevedra vivirá este mércores 15 de agosto unha xornada que é todo un clásico no verán deportivo da comarca, a do Trofeo Princesa de Asturias de piragüismo.
Tras a súa recuperación hai uns anos, a regata volve puntual á súa cita, con preto de 360 deportistas inscritos.
A competición sénior, tanto masculina como feminina, partirá ás 11:30 desde a praia de Baltar en Portonovo nas modalidades de K-4 e C-4 para percorrer 20 quilómetros ata a ponte do Burgo, en Pontevedra, onde estará situada a meta. Os padexeiros terán que realizar un porteo na praia de Silgar en Sanxenxo, para logo coller rumbo cara á praia das Canteiras en Combarro, onde estará situada unha ciaboga de paso obrigatorio, máis adiante terán que realizar outra ciaboga na punta do dique, á altura dos Praceres.
As categorías cadete e xuvenil competirán en barcos dobres, con saída á mesma hora desde a praia das Canteiras en Combarro.
A presentación da XLI Trofeo Princesa de Asturias tivo lugar este luns en Portonovo con presenza do alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, a deputada provincial Digna Rivas, a concelleira de Deportes de Poio Marga Caldas, o presidente da Federación Galega de Piragüismo, Alfredo Bea, e o presidente do Club Piragüismo Portonovo, Alberto Rodríguez.