Rubí FS, rival do Poio Pescamar no play-off de ascenso a Primeira División
Por Diego Espiño
O Poio Pescamar FS xa ten rival na que será a súa primeira fase de ascenso á Primeira División Feminina, o Rubí FS, campión do Grupo 2.
O sorteo celebrado nas instalacións da Federación Española de Fútbol, en Las Rozas, emparellou ás 'rojillas' cun conxunto, o barcelonés, que só perdeu un encontro en toda a tempada. Quizais, como recoñece o técnico Marcio Santos, o peor equipo do bombo dentro da dificultade de todos os rivais, "el número de puntos (71) y los goles que han conseguido (137) demuestran su constancia, pero confío plenamente en este equipo y llegamos en un momento muy bueno, además por ilusión y ganas no nos van a ganar".
A ida xogarase en Poio o 25 de maio e a volta en Rubí o 1 de xuño
Marcio, que asegura estudará en profundidade ás catalás, fixo xa unha análise do rival e das que poden ser as claves da eliminatoria, "es un bloque que lleva mucho tiempo jugando junto, alternan defensa zonal e individual y quizás su punto fuerte son las contras, salen muy rápido y marcan muchos goles así. La clave estará en ganar el primer partido para ir más tranquilas a Barcelona".
O primeiro partido do enfrontamento disputarase no Pavillón da Seca o próximo 25 de maio, quedando a volta na localidade catalá de Rubí para o 1 de xuño.
Valdetires Ferrol-UCAM Murcia e Vallirana-Leganés Masdeporte son os outros dous emparellamentos que deparou o bombo. Os gañadores de cada unha das eliminatorias lograrán o ascenso á máxima categoría do fútbol sala feminino nacional.