Marta Míguez presenta en San Vicente a "Regata das Illas Atlánticas de Barcos Clásicos e de Época"
Por Redacción
A secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez, presentou a XI Regata Illas Atlánticas de Barcos Clásicos e de Época que terá lugar os vindeiros 18 e 19 de agosto. No Club Náutico San Vicente do Mar, no Grove, a responsable do Deporte galego destacou o “binomio indivisible” formado por deporte e natureza que alcanza a súa maior expresión en probas como esta regata ao redor dunha “das nosas perlas naturais máis importantes” como é o Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas conformado polas illas de Ons, Cíes, Sálvora e Cortegada.
Ao respecto da vela galega, protagonista indiscutible neste evento deportivo, a secretaria xeral destacou as “alegrías e éxitos representados nos nomes dalgúns dos nosos mellores deportistas como Támara Echegoyen, Sofía Toro, Fernando Echávarri, Antón Paz, Martin Wizner, Pedro Ameneiro ou Iago López Marra”. “Todos eles son grandes embaixadores da vela galega como tamén o é o Club Náutico San Vicente que neste 2018 cumpre 20 anos divulgando os valores do deporte, a cultura e o medioambiente”, engadiu.
A titular do Deporte galego, a quen acompañaba o alcalde de O Grove, José Antonio Cacabelos, gabou a Regata das Illas Atlánticas de Barcos Clásicos e de Época que “conta xa con 11 anos de historia e que é por méritos propios a regata máis importante deste tipo da zona atlántica e cantábrica”. “Un evento no que participarán entre 20 e 30 embarcacións que realizarán dous percorridos espectaculares ao redor das illas atlánticas que protexen as nosas costas”, concluíu.
Relacionadas:
-
Támara Echegoyen e o Mapfre reciben o Premio Nacional de Vela
Por Redacción |
-
Combarro e Sanxenxo repiten como parada da Regata Rías Baixas
Por Redacción |
-
Paula e Paloma González, dúas regatistas bañadas en ouro mundial
Por Redacción |
-
A Copa de España de Cruceiros mantén a súa aposta por Aguete
Por Redacción |