Vitoria pola mínima do Pontevedra ante o Fabril nun amigable sen pena nin gloria
Por Diego Espiño & Paula Sanmartín
O segundo amigable de pretempada desta semana para o Pontevedra, segundo tamén que disputa este curso ante o público de Pasarón, saldouse cunha vitoria pola mínima despois dun choque sen brillo.
Nesta ocasión o rival era o Fabril, equipo que se atopará en liga na Segunda División B e que aparecía como boa oportunidade para medir de novo o nivel dos de Luismi. Con todo poucas conclusións poden extraerse dos visto sobre o terreo de xogo.
Luismi sacou ao céspede un once que, a priori e con algún pequeno cambio, empeza a dar a sensación de titular en liga con Edu en portería, defensa con David Castro, Churre, Adrián León e Nacho López, centro do campo con Kevin e Álex Fernández, Javi López e Pedro Vázquez nas bandas, Romay de enganche e Javi Pazos en punta.
Pouco ofreceron os granates nas construción ofensiva, con apenas unha chegada destacable na primeira metade ao cuarto de hora de xogo nun centro de Javi López desde a dereita que rematou de primeiras Pedro Vázquez lixeiramente alto. O positivo de novo, deixar a portería a cero, e polo menos durante os primeiros 45 minutos as poucas ocasións concedidas en defensa, que se limitaron antes do descanso a unha imprecisión de Adrián León que May non aproveitou ante Edu.
Seguiu o partido con pouco ritmo tras o paso por vestiarios. Ao Pontevedra custáballe achegarse á área fabrilista, pero empezaban a asomar erros propios da fatiga, como o que supuxo o penalti cometido por Álex González sobre o deportivista Pedro por agarrón. Lanzouno fóra directamente May, que uns minutos despois dispuxo doutra gran ocasión ao quedar só ante Edu e enviar o balón ao traveseiro.
Esa acción provocou que se estiraran os granates respondendo con dous achegamentos de Pedro Vázquez e Javi Pazos que obrigaron a intervir a Ricardo. Foi o aviso do que chegaría só uns minutos despois, no 64, nun balón en profundidade que o dianteiro de Marín aproveitou para facer o 1-0.
Tras o gol chegaron os cambios, ata 10 de golpe fixo Luismi deixando só no campo a Adrián León, e o choque volveu decaer en intensidade, sen apenas ocasións ata o final dos 90 minutos e só unha intervención de mérito de Ualoloca para manter o resultado.
Tras esta cita a pretemporada non cesa para o Pontevedra, que este sábado sen apenas descanso visita o Juvenil de Ponteareas (20:30 horas).
PONTEVEDRA CF (1): Edu Sousa, David Castro, Churre, Adrián León, Nacho López, Kevin, Álex Fernández, Pedro Vázquez, Javi López, Romay, Javi Pazos.
Tamén xogaron:Juen Barbeito, Campillo, Jesús Barbeito, Mouriño, Berrocal, Pibe, Rivera, Nacho Lorenzo, Antón y Ualoloca.
RC DEPORTIVO B FABRIL (0): Ricardo, Blas, Lucas, Raúl González, One, Gaizka, May, Kanouté, Pedro, Gandoy, Luismi.
Tamén xogaron: Ortuño, Villares, Boedo, Valín, Israel, Álex y Adrián.
Árbitros: Alejandro Muñiz Ruiz, auxiliado nas bandas por Anxo Fariña e César Montes. Amoestou a Nacho Lorenzo no Pontevedra e a Lucas no Fabril.
Gol: 1-0 Javi Pazos (minuto 64).
Incidencias: Partido amigable disputado no Estadio Municipal de Pasarón ante preto de 400 espectadores.
Relacionadas:
-
Arruabarrena, a menor ritmo no seu primeiro día como granate
Por Diego Espiño |
-
O Pontevedra aparca o céspede artificial no tramo final da pretempada
Por Redacción |
-
Mikel Arruabarrena é o dianteiro elixido polo Pontevedra para pechar o seu plantel
Por Diego Espiño |
-
Recital de Romay, autor de catro goles no triunfo granate sobre o Juvenil de Ponteareas (1-6)
Por Redacción |
-
Romay ve neste Pontevedra "un equipo para ser ambiciosos"
Por Diego Espiño |
-
Empate sen goles para o Pontevedra ante o Arenteiro de Terceira División
Por Redacción |
-
A pretempada do Pontevedra gaña en intensidade
Por Redacción |
-
Contundente e convincente triunfo do Pontevedra sobre o Compostela (0-3)
Por Ramiro Espiño |