A BTTroita aposta polo mes de setembro para a súa quinta edición
Por Redacción
A quinta edición da Ruta BTTroita de Ponte Caldelas aposta por un cambio de mes para fixarse en setembro.
En concreto a proba popular organizada por Global DxT e o Concello de Ponte Caldelas terá lugar o domingo 16 de setembro, con novo trazado nun percorrido que será de 38 quilómetros e dificultade media.
O novo circuíto segue tendo como punto de saída e chegada a Alameda e inclúe o paso polos montes de Cuñas, Paradela, Parada, Verdugo, Cristo Rei, Baltar, Chan do Casal e regreso pola zona do instituto.
Entre os motivos do cambio de data, explica o goberno local, atópase a intención de dar un maior tempo de rexeneración a zonas afectas polos incendios forestais do pasado ano.
As inscricións xa están abertas, cun límite de 600 prazas, a un prezo de 12 euros na web www.emesports.es.