Pontevedra, sede do torneo de maior nivel de toda a historia do xadrez galego
Por Alejandro Espiño
A sexta edición do torneo internacional Cidade de Pontevedra de xadrez bate records. Non só de participación, xa que acudirán preto de 200 xadrecistas procedentes de 19 países diferentes. É, segundo os seus organizadores, a competición internacional de maior nivel de toda a historia do xadrez galego "e unha das mellores de toda España".
Así o destacou na súa presentación Pablo García, mestre internacional e integrante da Escola Xadrez Pontevedra, organizadora do torneo.
Pontevedra, dixo, é o "auténtico pulmón" do xadrez galego e demostrarao de novo cun torneo internacional que se celebrará entre os días 8 e 14 de agosto nas instalacións do colexio Los Sauces.
Pablo García sinalou que máis que un torneo este evento "é case un festival", porque na súa programación inclúense exhibicións de partidas simultáneas ou un campus de tecnificación ao que acoden promesas do xadrez nacional e internacional.
Como número 1 do torneo acudirá a Pontevedra o gran mestre ruso Anton Demchenko e os referentes femininos serán a sete veces campioa de España Mónica Calzetta ou Patricia de León, a actual campioa de Uruguai.
O aumento do nivel, segundo o mestre pontevedrés, débese á celebración o próximo mes de setembro das olimpíadas de xadrez, que se disputarán en Xeorxia, polo que moitos participantes virán á cidade galega para preparar a cita olímpica.
O torneo, ao que se pode asistir de forma gratuíta e que será retransmitido por internet a través da súa web, repartirá 11.500 euros en premios.
Para abrir boca, a praza de Curros Enríquez acollerá este domingo 5 de agosto, a partir das 16.30 horas, unha exhibición de partidas simultáneas cos mestres internacionais Patricia de Lis e Antonio Frois, campión de Europa en categoría de veteranos. Calquera persoa que se atreva, ademais, poderá xogar contra eles.
Relacionadas:
-
O ruso Antón Demchenko, vencedor do VI Torneo Internacional de xadrez
Por Redacción |
-
A sexta edición do Torneo Internacional Cidade de Pontevedra, toda unha festa do xadrez
Por Redacción |
-
Simultáneas como aperitivo do Torneo Cidade de Pontevedra de xadrez
Por Redacción & Diego Torrado |
-
Grandes mestres como Demchenko e Mónica Calzetta participarán no Torneo de Xadrez Cidade de Pontevedra
Por Anxo Lourido |
-
Seguindo os xadrecísticos pasos de Bobby Fischer
Por Paula Sanmartín & Redacción |