O triangular do Carneiro ao Espeto, para o Pontevedra
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado
Nova xornada de rodaxe e probas para o Pontevedra Club de Fútbol, que se mediu por primeira vez esta pretempada con equipos da súa categoría aproveitando o triangular do Carneiro ao Espeto celebrado en Moraña, no que xa é un habitual.
Ademais dos granates, Celta B e Rápido de Bouzas compoñían un cartel que foi un bo reclamo a teor do bo ambiente vivido no campo de Mirallos, con preto de 800 espectadores nas bancadas.
Abriu fogo o Pontevedra ante o Rápido, nun encontro de 45 minutos no que seguiu profundando na idea mostrada nas primeiras citas amigables, tanto no esquema de xogo como na idea de saída de balón e presión tras perda. Nesta primeira batalla saltaron ao campo Rubén Ualoloca, Nacho López, Pacheco, Adrián León, Nacho Lorenzo, Kevin, Mouriño, Álex González, Pedro Vázquez, Javi López e Javi Pazos.
Dominaron o xogo os de Luismi, que se adiantaron no minuto 14 por medio de Pedro Vázquez, aproveitando un centro raso de Javi López, e puideron ampliar a súa vantaxe nun remate ao traveseiro de Romay, que substituíra a Pedro Vázquez. Parecía controlado o duelo, pero o Rápido de Bouzas sacou petróleo dun erro defensivo de Pacheco que aproveitou Édgar para igualar. Con 1-1 chegouse ao final, vencendo o cadro vigués nos penaltis (só para caso de desempate).
O técnico granate seguiu co plan previsto e ante o Celta B apostou por outro once inicial con Edu, Juan Barbeito, Campillo, Churre, David Castro, Jesús Barbeito, Álex Fernández, Iñaki, Pibe, Berrocal e Rivera.
Foi este un duelo de dominio alterno, no que o filial celeste comezou mellor pero no que o Pontevedra foi a máis ata levar o triunfo nos últimos minutos. Puido conseguilo nun centro de Berrocal que Iñaki rematou alto, pero sería un minuto despois, no 41, cando Álex Fernández de penalti daba a vitoria aos granates.
Faltaba só un encontro, entre Rápido e Celta B. Se gañaban os primeiros levarían o trofeo, se empataban ou gañaba o Celta, a honra recaería no Pontevedra. E así foi, o filial tirou de efectividade ante un bo Rápido de Bouzas para impoñerse por 2-1 deixando en bandexa o triangular para os de Luismi, que aínda con camiño para percorrer e mellorar volveron deixar unha positiva imaxe sobre o terreo de xogo.
Relacionadas:
-
Empate sen goles para o Pontevedra ante o Arenteiro de Terceira División
Por Redacción |
-
A pretempada do Pontevedra gaña en intensidade
Por Redacción |
-
Contundente e convincente triunfo do Pontevedra sobre o Compostela (0-3)
Por Ramiro Espiño |
-
O traballo defensivo gaña protagonismo na pretempada granate
Por Diego Espiño |
-
Moraña desborda no día grande da XLIX Festa do Carneiro ó Espeto
Por Redacción & Diego Torrado |
-
A estrea do Pontevedra, fóra da casa ante Unionistas de Salamanca
Por Diego Espiño |
-
O Pontevedra volve dar a talla ante un Segunda División e empata ante o Lugo (1-1)
Por Diego Espiño & Diego Torrado |
-
Diego Cervero, no punto de mira para reforzar a dianteira
Por Diego Espiño |
-
Boa imaxe do Pontevedra en Avilés fronte o Real Sporting, no primeiro test de pretemporada (1-1)
Por Ramiro Espiño |