Despedida ligueira en Pasarón con vitoria (4-2) do Pontevedra sobre o Betanzos e protestas na bancada
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado
Porque no fútbol o gol non o é todo, partidos como este sobran, están de máis. Sen tensión competitiva nin interese polo resultado, coa intensidade baixo mínimos e os protagonistas desexando case que remate o trámite antes de empezar, os 90 minutos fanse eternos. Non foi para tanto, pero case. O gol de Tubo que significaba o momentáneo empate a dous, serviu para espertar o cotarro e polo menos entreter un pouco a unha bancada semideserta, que se debatía a medio camiño entre o bocexo e a protesta dirixida ao palco.
Antes diso asistimos a unha variada exhibición de pancartas dende o Fondo Norte, onde as Peñas granates mostraron o seu desacordo coa xestión do club e cos seus actuais dirixentes. Primeiro cunha "megapancarta" que despregaron no momento da saída do equipo ao campo e que ocupaba dende a parte alta da bancada ata o mesmo terreo de xogo, detrás da portaría. Logo en distintas fases do partido con variadas lendas, entre as que non faltaba a xa clásica "Mauricio, vaite xa" dirixida ao presidente do Consello de Administración.
Pero botou a rodar o balón e pareceu que entre a falta de interese podía facerse a luz para polo menos entreter á parroquia en algo máis que nesa protesta cara a palco e banco, que tampouco se librou o técnico. Un inocente Betanzos deixaba unha autoestrada ás costas das súas centrais. Moisés viuno e filtrou un pase que deixou só a Tubo ante o porteiro. O dianteiro, outras veces pelexado co gol, esta vez foi protagonista e facía o primeiro da súa conta e do partido cando apenas ían cinco minutos.
O que ninguén esperaba é que o gol, en lugar de tranquilizar, adormecese o equipo, que se deixou ir. Unha saída de Lorenzo en saque de falta con tan pouco perigo como mal defendida, supoñía o empate. Primeiro regalo. Logo Santi Domínguez e Moisés inténtano de lonxe, sen acerto. Todo antes do segundo regalo, ao fío da media hora.
Querendo evitar un corner, Adrián toca, Pablo chega tarde e derruba a Javi Otero. Penalti claro. Felipe aproveita a xentileza para poñer por diante os visitantes. Dúas chegadas. Dous regalos. Dous goles. O Betanzos mostrou carencias, pero se se as poñen como a Fernando VII non as ía desaproveitar.
E o Pontevedra desapareceu. Ata o descanso o partido converteuse nun verdadeiro castigo para os sufridos espectadores que aguantaban na bancada, sen unha sóla acción de mérito.
A reanudación non mellorou nada. Iso si, daba a impresión de que o Betanzos se conformaba con manter as súas liñas xuntas e aguantar o marcador, sen maior ambición por intentar aproveitar a falta de ideas dun Pontevedra vulgar na súa proposta futbolística. E aí equivocáronse os visitantes. Non foi o xogo de conxunto, se non a calidade individual a que fixo cambiar as tornas.
Tubo sacouse da manga un disparo sensacional, dende 25 metros, que se coou pola escuadra. O remate foi bo, pero o porteiro tamén puxo da súa parte ao reaccionar tarde. E o Betanzos acusouno. O empate soltou amarras a un Pontevedra que agora si encontraba ocos, aínda que sería a balón parado como chegase a remontada, nun corner que cabeceou Yago Vázquez, no primeiro pau.
Tubo foi o autor de tres dos catro goles do Pontevedra
Logo o árbitro, a ton co partido, ignorou un clamoroso penalti de Michi sobre Santi Domínguez, antes de que Tubo sentenciase co seu terceiro gol e o cuarto do Pontevedra. Por se fose pouco o Betanzos quedouse cun menos por expulsión de Jacobo, ao cortar unha contra granate e ver a segunda amarela, e o Pontevedra, crendo que todo estaba feito, volveu botar a sesta ata o punto de que en inferioridade os visitantes tiveron ata catro ocasións claras de marcar, unha de Marcos e tres consecutivas de Javi Otero, só ante Lorenzo, que permitiron ao meta granate resarcirse do seu clamoroso erro no primeiro gol.
A última sería para Richi, que encontrou a man de Diego. O Pontevedra regalou á súa enfadada afección unha vitoria sen brillo, consolidando un decepcionante quinto posto a falta da última e intranscendente xornada ligueira.
PONTEVEDRA, C.F. (4): Lorenzo (2); Cristóbal Juncal (1), Yago Vázquez (2), Pablo (1), Adrián (1); Iago Paz (1), Caco (1), Moisés (1), Tubo (3); Richi (1) e Santi Domínguez (1).
Sustitucions: Fran Fandiño (2) por Moisés, minuto 65. Stefan (s.c.) por Santi Domínguez, minuto 84. Nano (s.c.) por Tubo, minuto 90.
BETANZOS, C.F. (2): Diego (2); Botana (1), Michi (1), Rebollo (1), Jacobo (1); Peloto (2), Vispo (1), Marcos (2); Javi Otero (1), Felipe (1) e Álvaro (1).
Sustitucions: Xoel (s.c.) por Álvaro, minuto 77. Yoel Pereiro (s.c.) por Peloto, minuto 84. Nico (s.c.) por Felipe, minuto 88.
Árbitro: Goyanes López (Santiago) auxiliado nas bandas por Martínez Barral e Santos Romero. Expulsou por dobre amoestación a Jacobo (minuto 75). Amoestou a Cristóbal Juncal, Moisés, Vispo e Marcos.
Goles: (1-0) Minuto 5: Tubo aproveita un gran pase interior de Moisés Pereiro para bater a Diego na súa saída. (1-1) Minuto 16: Falta que saca Marcos. Sae en falso Lorenzo e Rebolo anticípase de cabeza. (1-2) Minuto 29: Penalti por derrubamento de Pablo a Javi Otero. Felipe transforma enganando a Lorenzo. (2-2) Minuto 63: Disparo de Tubo dende a frontal que se coa pola escuadra. (3-2) Minuto 70: Corner que bota Cristóbal Juncal e Yago Vázquez peitea de cabeza no primeiro pau. (4-2) Minuto 73: Gran centro de Fran Fandiño que remata de cabeza Tubo, desmarcado no segundo pau.
Incidencias: Estadio Municipal de Pasarón (Pontevedra). Frouxa entrada con ao redor de 600 espectadores. Dende o fondo Norte os membros de varias peñas exhibiron diversas pancartas de protesta contra a situación do club e a xestión dos seus dirixentes actuais, a máis rechamante unha pancarta xigante confeccionada en cor granate, coa lenda: "Acción granate, sen cambio non hai futuro. Non a continuidade. Queremos dignidade".
VESTIARIOS:
JOSÿ MANUEL POSE: A pesar da derrota, o técnico visitante estaba satisfeito do xogo do seu equipo, así como de que os resultados doutros campos tivesen permitido ao Betanzos lograr a permanencia matemática: "Tivemos ocasións máis que suficientes cando iamos gañando para facer o terceiro gol e non obstante chegou o segundo do Pontevedra, o do empate, que nos fai moito dano pola forma en que se produce, un tiro dende demasiado lonxe. Eles aproveitan a inercia deses minutos para facer o terceiro nunha xogada a balón parado que, ese si, é evitable, e logo co resultado en contra xa fíxosenos costa arriba, pero aínda así tivemos chegadas moi claras, mesmo cun menos no campo, por iso no cómputo xeral do partido polo menos estou satisfeito pola imaxe ofrecida".
"A verdade é que con 46 puntos que temos era impensable que puidésemos ter problemas. Historicamente sería unha cousa moi rara, son demasiado puntos e hoxe certificouse cos resultados doutros campos, por iso estamos contentos por poder conseguir a permanencia. O árbitro, creo que era un partido moi doado de pitar, entre dous equipos que xogaron nobremente, e non estivo acertado, aínda que é verdade que non influíu no resultado".
Milo Abelleira: "A segunda volta que fixemos creo que é moi boa aínda que fallásemos nun dos partidos como o de Villalonga"
MILO ABELLEIRA: Para o adestrador granate, superárase un trámite nunha semana difícil para o equipo: "Son semanas moi complicadas, nas que che custa moito, e iso despois se vé un pouco no campo. Eu creo que o partido empezou bastante ben, xogando e combinando. Logo complicóusenos con todas as ocasións que houbo nun e outro lado. Temos que seguir pelexando ata o último partido para non esnaquizar, non xa o obxectivo que tiñamos, que por desgracia si que o esnaquizamos, pero si a segunda volta que fixemos, que eu creo que é moi boa, aínda que fallásemos nun dos partidos como o de Villalonga".
"Con todo o que había, con todo o ambiente crispado, por parte das Peñas, que é normal por non cumprir o noso obxectivo, o equipo na segunda parte volveu encontrar a fluidez co balón e aínda que nos fixeron bastantes contras, en accións individuais puidemos rematar o partido".