Preto de 400 participantes para a XX edición do Balonmán Praia Sanxenxo
Por Redacción
A praia de Baltar será escenario a próxima fin de semana, o sábado 28 e o domingo 29 de xullo, dunha das citas estivais máis esperadas polos amantes do balonmán, o torneo Balonmán Praia Sanxenxo.
A competición, consolidada como unha das de maior participación de Galicia, chega ao seu vixésimo aniversario en plena forma.
Profesionais e afeccionados ao balonmán daranse cita nun evento que contará con tres campos de xogo no areal. Entre os profesionais debutará no torneo Davor Cutura, xogador da SD Teucro que acudiu este xoves á súa presentación xunto a David Chapela (Cangas), o árbitro internacional Marcos Pérez ou os organizadores Fabián González e Fernando Conde.
O torneo desenvolverase en dúas xornadas, o sábado con horario intensivo de 10:00 a 21:00 horas e o domingo pola tarde, desde as 15:00 horas.