O Teucro despídese do play-off gañando ao Alcobendas no partido polo terceiro posto (34-33)
Por Diego Espiño
Un apertado triunfo (34-33) ante o Alcobendas no partido polo terceiro e cuarto posto do play-off permite ao Teucro despedir a tempada, moi boa no balance xeral, como se merece, cunha vitoria nun choque falto de intensidade despois de perder ambos os dous equipos as súas opcións de ascenso.
A pesar desa pouca agresividade defensiva os colexiados valencianos, Bohigas Estala e Castañer Girbes, sinalaron ata 19 exclusións, moitas delas moi rigorosas, converténdose no centro de atención do encontro sen ter, iso si, moita incidencia final no electrónico.
Con semellante panorama os ataques convertéronse nos dominadores do xogo dende o inicio do encontro, uns primeiros minutos nos que os azuis pareceron acusar máis a súa eliminación nas semifinais ante un equipo madrileño que marchou de saída cun parcial de 2-7 (minuto 9).
Non foi ata o ecuador do primeiro tempo cando o Teucro empezou a funcionar meténdose de cheo no choque cun parcial de 4-0 (11-12). A partir dese momento igualdade máxima con vantaxes de ata un e dous goles para os dous equipos segundo tocaba a quenda das numerosas inferioridades, dobres nalgunha ocasión, para un ou outro.
Esta tónica mantívose ata os minutos finais, cando o bloque lerezano, a pesar de sufrir unha dobre exclusión estando o marcador igualado (32-32 minuto 26'50''), sacou o orgullo e logrou cun gol de Rial primeiro, unha parada de Juan Bar despois e un tanto de Chapela, este xa despois de recuperar un home, poñerse por diante a falta dun minuto (34-33,) un tanteador que xa non se movería a pesar da presión a toda pista do Alcobendas grazas en boa medida a unha dobre parada do gardameta arxentino do Teucro.
Ao final terceiro posto para un conxunto, o pontevedrés, que puido polo menos brindar un triunfo aos seus afeccionados desprazados a Irún e que en ningún momento deixaron de animar aos azuis.
SD TEUCRO (34): Juan Bar, Toño Fernández, David Chapela (4), Miguel Porto, Tomás Moreira (4), José Manuel Rial (9), Borja Pedreira (3) - siete inicial - Aarón Vidal, Álex Pombo (3), Didac Villar (5, 2p), Carlos García (5, 2p), Miguel Sío (1).
BM ALCOBENDAS (33): Donderis, Beret (3), Sergio Mellado (2), Kramarz (3), Alejandro Márquez (8), Manuel Catalina (1), Gimeno (4, 1p) - siete inicial - Castaño (4), Beltza (1), Nicolás López, Tejón, Gonzalo Carró, Adrián Prieto, Sergio Iglesias, Mikel Muñoz (7, 1p).
Árbitros: Bohigas Estela e Castañer Girbes (Valencia). A parella arbitral sinalou ata 19 exclusións a Toño Fernández, Chapela (2), Miguel Porto, José Manuel Rial (2), Carlos García, Borja Pedreira e Miguel Sío no Teucro e a Mellado, Kramarz, Beltza, Alejandro Márquez, Manuel Catalina, Gonzalo Carró (2), Adrián Prieto e Sergio Iglesias (2) no Alcobendas.
Incidencias: Partido polo terceiro e cuarto posto celebrado no pavillón Artaleku, Irún. Aproximadamente 250 afeccionados ao comezar o choque. As bancados foron enchendo a medida que pasaban os minutos e se aproximaba a final entre Bidasoa e Ángel Ximénez.
ÁNGEL XIMENEZ ASCENDE A LIGA ASOBAL
Saltou a sorpresa en Artaleku. Bidasoa saía como favorito ao abeiro da súa afección, pero o Ángel Ximénez de Puente Genil deu a badalada e fixo enmudecer as repletas bancadas. O resultado final (26-28) favorable ao equipo andaluz convérteos en novo equipo de División de Honra.
O play off de ascenso remata co Ángel Ximénez como primeiro clasificado e novo equipo de Liga Asobal, Bidasoa, segundo, Teucro terceiro e Alcobendas cuarto, posicións que ante os problemas económicos de varios equipos poderían adquirir importancia á volta dunhas semanas.