A carreira de Santiaguiño do Burgo, con Luís Alcántara na memoria
Por Diego Espiño
É unha das citas deportivas con máis tradición na cidade, e este ano será mesmo máis especial para a Carreira Popular Santiaguiño do Burgo.
A proba deportiva, que se organiza desde 1997, servirá este mércores 25 de xullo de homenaxe a un dos seus impulsores, Don Luís Alcántara, párroco do Burgo falecido recentemente. Así o explicou Rafael Sánchez 'Fis', representante da Asociación Xuvenil Santiago Peregrino do Burgo, acompañado da concelleira de Deportes, Anxos Riveiro, e a presidenta da Sociedad Gimnástica, Charo Castro.
A saída e chegada da carreira estará situada un ano máis na ponte, cun percorrido de 6.450 metros que en categoría absoluta sofre unha pequena modificación por obras na Xunqueira de Alba.
A actividade deportiva arrincará ás 10:00 horas coas probas de categorías inferiores, ás que será posible anotarse ata o mesmo día 25, mentres que o prato forte da carreira sénior dará saída ás 11:00 horas.