O Froiz afronta unha esixente Volta a León
Por Redacción
Dura semana para o Froiz, que se despraza para disputar a 29 edición da Volta ciclista a León. A proba que consta dun prólogo e cinco esixentes etapas, dará comezo este luns día 23 e finalizará o sábado 28. Será unha carreira dura en canto ao percorrido, o que unido ás altas temperaturas farán dela una das máis destacables do calendario.
Para comezar, o luns disputarase un prólogo nocturno de 3 quilómetros contrarreloxo que terá a súa saída na Praza de San Marcelo (Deputación de León). A primeira etapa discorrerá entre Benebides de Orbigo e Laguna de Negrillos con 126,7 quilómetros e só 550 metros de desnivel (etapa chaira), para dar paso a unha segunda etapa moi dura, entre Vegacervera e Villaverde de la Cuerna, con 141,1 quilómetros e 3.108 metros de desnivel, que debe marcar as primeiras diferenzas importantes na clasificación xeral.
A terceira etapa entre Bembribe e Molina Seca, de 131,2 quilómetros, terá un desnivel de 2.208 metros e tras ela chegará a cuarta etapa que debe terminar de decidir a carreira, entre San Cristóbal de la Polantera e La Baña, con 165 quilómetros e 2.653 metros de desnivel acumulado.
O peche da volta será o sábado coa etapa entre Murias de Paredes e Astorga, 105,95 quilómetros, que moi posiblemente dean a súa oportunidade aos máis rápidos do pelotón.
Será por tanto unha proba dura para a cal a escuadra alimenticia leva a: Aitor Bugarín, Aaron Mariño, Diego González, Jesús Pociña, Óscar Brea, Sergio Vega e Diego Noriega.