A Copa de España de Cruceiros mantén a súa aposta por Aguete
Por Redacción
O Real Club de Mar de Aguete prepárase para a súa competición estrela, a Regata de Cruceiros que se disputará os días 28 e 29 de xullo en augas da ría de Pontevedra.
Será a súa 21ª edición, consolidada como unha das citas anuais máis importantes de Galicia no deporte da Vela na clase Cruceiro, non en balde este evento é o máis lonxevo en Galicia dos designados pola Real Federación Española de Vela como puntuable para a Copa de España de Cruceiros con 15 anos seguidos.
A organización espera contar con ao redor de 40 embarcacións participantes.
Constará de tres. probas que se disputarán en dúas xornadas. O sábado día 28 a partir das 14:00 horas levará a cabo a Etapa costeira de 20 millas pasando polos faros e balizas marítimas próximos a Ons e Bueu e con entrada e saída fronte ao club de Aguete, xogándose os participantes o Trofeo Capitán de Corveta Jaime Janer.
Na xornada do domingo en cambio, serán dous percorridos técnicos a partir das 12:00 horas montados entre balizas fronte ao club e dunhas 6 millas de lonxitude cada un, poñéndose en xogo os Trofeos Concello de Marín e Porto de Marín respectivamente en cada un deles.