Ciudad de Alcorcón último escollo para o Poio Pescamar FS na súa cita coa historia
Por Ramiro Espiño
Cita coa historia para o Poio Pescamar. As rapazas que dirixe Marcio Santos afrontan o sábado (18:00 horas) no Pavillón da Seca, a última xornada da Segunda División feminina de fútbol sala, recibindo a visita do Cidade de Alcorcón. Unha vitoria significaría a clasificación por primeira vez para disputar o play-off de ascenso á máxima categoría do fútbol sala feminino.
O equipo madrileño é antepenúltimo con 20 puntos, e vén de perder no seu feudo ante o Teldeportivo canario por 0-2. No partido da primeira volta disputado en Alcorcón, venceron as de Poio por 1-3. Pola súa banda, as "rojillas" gañaron a anterior xornada en Guadalajara ao Chiloeches por 2-5. Non obstante, a pesar dos antecedentes, non será un partido doado, no que resultará fundamental controlar a ansiedade e cometer os mínimos erros posibles.
Para unha ocasión histórica espérase un novo cheo no Pavillón Municipal da Seca. A grande expectación creada en toda a bisbarra apunta a que as bancadas resultarán insuficientes para albergar o gran número de afeccionados que se darán cita para apoiar o equipo, e intentar que o Poio Pescamar siga subindo chanzos na súa traxectoria deportiva e poida seguir soñando con chegar ao máis alto.