Brillante posta en escena do Pontevedra 2018/2019 con oito caras novas
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado
Despois de varios anos nos que a posta en escena do Pontevedra limitábase a comezar os adestramentos, sen ningún tipo de acto protocolario aberto e dirixido aos seus afeccionados, Pasarón volveu ser escenario dunha presentación oficial do seu equipo no que o club granate exhibiu músculo, poderío e imaxinación para satisfacción duns 1.000 seguidores que non quixeron perderse o evento, organizado con brillantez, coma se quixésese deixar moi claro que o camiño será complicado, pero as miras deportivas da entidade moi altas.
Nun día en que se coñecía a proposta de grupos que a Comisión da Segunda B elevará ao pleno da RFEF, e que con case toda seguridade deixará como rivais dos equipos galegos a castelán-leoneses (excepto o Mirandés), madrileños e canarios, con moitos aspirantes aos postos de honra, como Cultural Leonesa, Ponferradina, Fuenlabrada, Celta B, Fabril, Castilla ou Burgos, entre outros, o Pontevedra quixo deixar claro que o seu proxecto deportivo tamén apunta alto, e que non está disposto a pasar os apuros da pasada tempada.
Ás 21:30 horas comezaban os actos deseñados nos que o presentador anunciaba que o lema da tempada levará como título "Voltando ás orixes", para dar paso a unha primeira actuación musical de Andrea Pousa e o Bruxo Queiman, realizando unha orixinal posta en escena na que a cantante interpretou temas do seu último álbum "Respirar".
Seguidamente foi o momento da presentación do equipo e corpo técnico. Ao céspede de Pasarón saltaron 7 xogadores procedentes da canteira: Juan e Jesús Barbeito, Santi Figueroa, Javi Pacheco, Iñaki Martínez, Antón e Rivera, 10 que continúan da pasada tempada tras confirmar as súas renovacións na maior parte dos casos: Edu Sousa, Nacho, David Castro, Berrocal, Álex Fernández, Mouriño, Álex González, Kevin Presa, Pibe e Adrián León, e 8 caras novas: Javi Pazos (Arosa), Romay (Deportivo Fabril), Javi López (Lleida), Pedro Vázquez (UD Melilla), Rubén Ualoloca (Leganés B), Nacho Lorenzo (Getafe B), Churre (Racing de Ferrol) e Campillo (Coruxo).
Recibidos todos con ovacións pechadas, a maior da noite foi para Edu Sousa, capitán do equipo e camiño de converterse en todo un símbolo granate.
Xunto a eles, o corpo técnico integrado por Luismi, Jesús Ramos (segundo adestrador), Moncho (adestrador de porteiros), Miguel Arcos (preparador físico), Pepe Barragáns (médico) e Secre (delegado), con Tomé como encargado de material.
Tamén houbo un momento especialmente emotivo coa mención especial a Rafa Vidal, ante a que será a súa última tempada como utilleiro do primeiro equipo, dada a súa próxima xubilación no mes de outubro, para dar paso a un vídeo proxectado en dúas pantallas xigantes, antes dos discursos, que foron protagonizados polo capitán do equipo, Edu Sousa, un xogador da canteira Iñaki Martínez, un dos novos (Campillo) e o adestrador, Luismi.
Para terminar, soou o himno do Pontevedra, na voz de Andrea Pousa, coa colaboración dos xogadores do plantel, seguido da salida ao campo dos membros do consello de administración, coa presidenta Lupe Murillo ao frente, poñendo broche co himno de Galicia.
Logo, o consello de administración ofrecía un cóctel aos afeccionados presentes, brindando por unha tempada chea de éxitos.
Con todo o anterior, a composición do Pontevedra Club de Fútbol 2018/2019 cos xogadores que realizarán a pretemporada ás ordes de Luismi, e á espera das incorporacións que faltan por pechar, queda provisionalmente da seguinte maneira:
Porteiros: Edu Sousa e Rubén Ualoloca.
Defensas: Juan Barbeito, Santi Figueroa, Javi Pacheco, Nacho, David Castro, Nacho Lorenzo, Víctor Vázquez "Churre" e Campillo.
Centrocampistas: Jesús Barbeito, Iñakí Martínez, Antón, Álex Fernández, Mouriño, Álex González, Kevin Presa, Pibe, Adrián León, Romay, Javi López e Pedro Vázquez.
Dianteiros: Rivera, Berrocal e Javi Pazos.