Revolución na Subida Cidade de Pontevedra cun novo trazado entre Bora e Cotobade
Por Alejandro Espiño
Tras vinte anos en Marcón, a Subida Cidade de Pontevedra afronta este ano un cambio substancial na súa organización. A proba automobilística por excelencia na cidade cambia de trazado e, na súa vixésimo primeira edición, disputarase entre Bora e Cotobade.
O presidente da escuadra Cidade de Pontevedra, Florentino Leiro, explicou que a proba, que se disputará esta fin de semana, discorrerá pola estrada PO-233, en dirección a Carballedo. A saída estará situada no campo da festa de Santa Lucía (Bora) e a chegada, 4.270 metros despois, na Xesteira (Cerdedo-Cotobade).
"É como unha volta ás orixes", destacou Leiro, xa que se recupera o trazado tradicional da desaparecida Subida a Almofrei. Os participantes, a través de catro mangas oficiais -dúas o sábado e dúas o domingo- atravesarán a PO-233 reformada, pero tamén cinco tramos da estrada vella "que é onde estará a maioría do espectáculo".
Máis de medio centenar de pilotos participarán nesta subida que, ademais, forma parte do campionato galego de montaña. Todos eles, segundo a escuadra organizadora, "teñen moitas ganas de correr" esta proba que, como é habitual, terá o seu parque pechado na Praza de España de Pontevedra, onde se concentrarán os coches participantes.
A subida, que repartirá máis de 10.000 euros en premios, servirá ademais como memorial para homenaxear a figura de Miguel Álvarez, unha persoa para a que "a súa vida eran vos coches" e que durante moitos anos estivo involucrado coa Subida a Almofrei.
A organización porá un esforzo especial, adiantou Florentino Leiro, na seguridade a raíz do tráxico accidente que se produciu a pasado fin de semana nun rally disputado nas Neves, onde un espectador faleceu tras ser atropelado por un coche.
O dispositivo "reforzarase aínda máis", sinalan desde a escuadra Cidade de Pontevedra, establecendo unha maior marxe de distancia entre o trazado e o público, aínda que pola orografía do terreo "a xente xa se pon en sitios altos e non pisan o trazado".
Relacionadas:
-
Os motores volven ruxir esta fin de semana na Escusa
Por Redacción |
-
A Subida a Pontevedra repite percorrido pola beira do Almofrei
Por Manu Otero |
-
Alexis Viéitez e Pablo Rey, nun pano nas dúas primeiras mangas da Subida a Ponte Caldelas
Por Redacción & Diego Torrado |
-
Póker de vitorias consecutivas para Alexis Viéitez nunha renovada Subida Cidade de Pontevedra
Por Alejandro Espiño & Diego Torrado |
-
Incontestable triunfo de Alexis Viéitez na II Subida a Cerdedo-Cotobade
Por Redacción & Diego Torrado |