Os favoritos cumplen o seu papel e triunfan no campionato de España alevín de tenis
Por Redacción & Diego Torrado
Sen lugar para sorpresas. Así foi a recta final do campionato de España de tenis que, na súa categoría alevín, disputouse ao longo da última semana nas instalacións que o Casino Mercantil ten en Mourente (Pontevedra).
Só na categoría masculina o gañador non foi o cabeza de serie número 1 do torneo. O catalán Roger Pascual, número 3 do cadro, proclamouse campión de España ao derrotar ao máximo favorito, o madrileño Martín Landaluce por 6-4 e 7-5.
Entre as mozas, a gañadora foi a madrileña Marta Soriano, que se impuxo por un dobre 6-3 á tamén madrileña Cristina Ramos. A flamante campioa mostrouse intratable durante todo o torneo e non cedeu nin un só set nos seis partidos disputados.
Roger Pascual, xunto ao murciano Rafael Segado, levou tamén a vitoria nos dobres masculinos sen ceder un set no torneo. Fixérono tras derrotar á parella madrileña formada por Luís Llorens e Bernardo Munk por 6-4 e 6-2.
O mesmo dominio mantiveron as gañadoras do dobre feminino, Cristina Ramos e a valenciana Carla Verdú, que derrotaron na final ás irmás Martina e Jana Genis Sala, da federación catalá, por 6-2, 4-6 e un 10-8 na manga final.
O campionato de España alevín de tenis, organizado polo Casino Mercantil, despídese así de Pontevedra tras converterse nun éxito de público e de organización.
Relacionadas:
-
Os deportes de raqueta enchen de actividade o Mercantil
Por Redacción |
-
O campionato de España alevín de tenis, a pleno rendemento e sen sorpresas
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
O futuro do tenis nacional acode a Pontevedra co obxectivo de gañar o Campionato de España
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |