Primeira toma de contacto para planificar o novo Pontevedra
Por Ramiro Espiño
A xornada do xoves foi movida na sede do Pontevedra. Ademáis do adestramento realizado polo equipo houbo reunión nas oficinas do club entre o Presidente e Vicepresidente do Consello de Administración, Mauricio Rodríguez e José Manuel Fernández, co adestrador, Milo Abelleira. Sobre a mesa estaba trazar as primeiras liñas de planificación da próxima tempada, ou polo menos consensuar as xestións máis urxentes a realizar en canto a renovacións de contratos daqueles xogadores máis novos que quedan libres ao finalizar a tempada, e aos que se lles quere manter en equipo.
Aínda que pouco transcendeu do tratado, parece que polo momento non se falou da posibilidade de que Milo continúe ligado ao club como Director Deportivo, unha vez que parece descartado que o faga como adestrador tras o sucedido o pasado domingo en Vilalonga. Mesmo hai quen asegura que o forte correctivo recibido polos granates fixo que, polo menos por un sector do Consello de Administración, non se teña tan claro a conveniencia de que o aínda adestrador pase aos despachos e encárguese da dirección deportiva.
Milo recibiu instrucións de comezar a falar con aqueles xogadores do actual equipo que finalizan contrato e aos que se pretende renovar, co fin de evitar interferencias doutros equipos que poidan estar interesados na súa fichaxe, e a próxima semana volverá reunirse cos dous dirixentes, non descartándose que entón si se poña enriba da mesa a negociación dun contrato que ao parecer xa estaba redactado, pero cuxa firma se viu freada polas dúbidas antes expresadas, tras a goleada encaixada en Vilalonga.
STEFAN RETÍRASE DO ADESTRAMENTO CUN GOLPE NO XEONLLO
Mentres nos despachos se falaba de futuro, o triste presente estaba no mesmo Pasarón, onde o equipo adestraba nunha sesión na que unicamente faltaron dous xogadores, David Pérez e Sestelo, que tiveron que asistir a clase do curso de adestradores de fútbol que están a realizar.
Precisamente David Pérez será a única baixa para recibir o Betanzos o domingo, ao seguir con problemas musculares, mentres o susto o deu Stefan, que recibiu un golpe nun xeonllo e non puido completar o ensaio. Non obstante, Milo confía en que, tras a xornada de descanso do venres, o sábado poida xa adestrar con normalidade e chegar a tempo para o partido.