Cuntis agarda 300 participantes para a sexta edición do trail Vila de Cuntis
Por Redacción
A Praza das Árbores será o punto de saída e chegada para os preto de 300 participantes da sexta edición do trail Vila de Cuntis, que se celebrará este domingo 8 de xullo.
A proba, que comezará ás nove da mañá, terá un percorrido aproximado de 26 quilómetros e discorrerá por parte dos montes de Cuntis.
Tras saír da Praza das Árbores, os deportistas irán en dirección ao monumento de Maráns, O Pazo, Laxos, Sevil onde se cruzará o río Umia, Vilar de Mato e Alto do Cávado, onde comezará o regreso por Cequeril, Hermida, Alto do Castro, Sevil, Laxos, O Pazo e Cuntis, acumulando un desnivel positivo de 1.330 metros aproximadamente.
O presidente do Club de Montaña Xesteiras, Tono Abal, explicou que nesta edición variouse o sentido do percorrido, facéndose en sentido contrario con respecto a anos anteriores.
O percorrido estará sinalizado con cinta de plástico de cor azul, sendo obrigatorio o paso polos controis establecidos. Os participantes que superen as 3 horas 45 minutos no paso polo Alto do Cádavo (quilómetro 15 aproximadamente), deberán retirarse da proba xa que nin a organización nin os servizos de asistencia poden garantir a súa cobertura.
A cuarta carreira de mini trail Vila de Cuntis comezará tamén ás 9:00 horas, con saída e chegada na Praza das Árbores do Concello de Cuntis.
Terá un percorrido aproximado de 17 quilómetros igual ao da proba do trail, acumulando un desnivel positivo de 780 metros aproximadamente.
Finalmente as andainas, unha longa de 17 quilómetros e unha curta de 10 quilómetros, serán probas non competitivas nas non haberá premios.
A totalidade do recadado na inscrición da fila 0 e a metade do das andainas será donado á asociación de diagnosticados de cancro de mama de Pontevedra (ADICAM).