Un día de fútbol con Denis Suárez
Por Redacción & Mónica Patxot
Moitos nenos soñan con que, algún día, chegarán a xogar na elite do fútbol. Por iso, compartir unha xornada cun dos seus ídolos convértese nunha experiencia extraordinaria.
Iso ocorreulle ao máis de medio centenar de novos futbolistas que participan esta semana na segunda edición do campus que leva o nome de Denis Suárez.
O propio xogador do FC Barcelona, natural de Salceda de Caselas, quixo gozar dunha xornada de convivencia con eles nas instalacións deportivas da Xunqueira, onde se desenvolve este campus ata o próximo 7 de xullo.
Antes de iniciar a pretemporada co equipo culé, no que será o seu terceiro ano en Barcelona, Denis Suárez adestrou cos nenos e nenas do campus como un máis, interactuando con todos eles e explicándolles como é o día a día dun xogador profesional.
Tras explicarlles que cando el era pequeno tamén acudía a campamentos deportivos como este, o futbolista someteuse a un divertido terceiro grao, no que os nenos lle preguntaron principalmente pola súa experiencia nun dos clubs máis importantes do mundo.
Pouco despois, Denis púxose ao choio para adestrar cos seus distinguidos compañeiros, cos que compartiu unha mañá de xogos, risas e, por encima de todo, moito fútbol.