Prata para Manuel Fontán e bronce para Noel Domínguez no Europeo junior e sub23 de Italia
Por Redacción
Dous foron os medallistas pontevedreses no campionato de Europa de piragüismo junior e sub23 que se disputou esta fin de semana no lago de Santa Caterina, situado na localidade italiana de Auronzo di Cadore.
Manuel Fontán, canoísta vilanovés do Club Náutico O Muíño de Ribadumia, conquistou unha meritoria medalla de prata na final de C1 1.000 junior. Facíao tras chegar á final o pasado xoves de forma directa.
O padeeiro pontevedrés mantivo unha dura pugna co húngaro Ádám Kocsis e co moldavo Arcadii Goncearov. Este último fíxose co outro tras cruzar a liña de meta cun tempo de 4:08.142, mentres que Fontán cruzaba a liña de chegada 933 milésimas despois.
O padeeiro do Muiño non puido aumentar a súa colleita de medallas, xa que na final de C1 200 metros ocupou a quinta posición. Foi un meritorio resultado nunha carreira dominada polo ucraíno Ozymok Dmytro.
Pola súa banda, Noel Domínguez (Breogán do Grove) logrou facerse co bronce en C2 1.000 sub23 xunto ao seu compañeiro Gonzalo Martín. Foi tras unha dura loita coas embarcacións de Romanía, Bielorrusia e Alemaña.
A dupla española marcaba un tempo final de 03:36.124 milésimas mentres que os romaneses Catalin Chirila e Stefan Strat foron case dous segundos máis rápidos. En segunda praza situáronse os bielorrusos Vladislav Lukashuk e Ivan Patapenka.
Ambos loitaron polas medallas tamén na final de C2 500 e quedaron moi preto de repetir o bronce. Os españois marcaron un tempo de 01:42.868, mentres que os moldavos Ilie Oprea e Oleg Nuta superáronos por só unha décima de segundo para subir ao terceiro caixón do podio. A vitoria nesta regata foi para Bielorrusia.
FINALISTAS NO EUROPEO
Varios padeeiros máis lograron coarse nas súas respectivas finais. Así o fixo a júnior María Pérez (Náutico O Muíño) en C1 500, na que ocupou o oitavo posto, quedando a cinco segundos da medalla de bronce; e foi novena na final de C2 500 xunto á pontevedresa María de la Peña (EP Ciudad de Pontevedra). Esta última foi ademais cuarta na súa semifinal de C1 200.
No C2 500 sub23, as canoistas Raquel Dacosta (As Torres) e Carla Sieiro (Piragüismo Poio) foron sétimas, mentres que na final de C2 200 lograron terminar quintas.
Peor sorte correu Raquel Torres (Piragüismo Verducido) que foi oitava na súa semifinal en K1 500 junior e sexta na de K4 500; ou Iago Monteagudo (Naval Pontevedra), que formando parte do K2 1.000 sub23 foi sétimo na semifinal e non puido loitar polas medallas. Tampouco chegou á final no K4 500 ao ser quintos na semifinal.