Nenos e nenas de entre 5 e 16 anos participarán no campus de verán do Club de Tenis
Por Redacción
O Club de Tenis Pontevedra pon en marcha, a partir do luns 2 de xullo, unha nova edición do seu campus de verán, na que participarán nenos e nenas de entre 5 e 16 anos.
O campus desenvolverase do 2 ao 31 de xullo e do 1 ao 31 de agosto e está dirixido non só aos socios do Club de Tenis, senón que está aberta a todos os interesados. Estableceranse tres grupos por idades e niveis de xogo: iniciación, perfeccionamento e competición.
Toda a programación concibiuse de maneira multidisciplinar para conseguir o obxectivo final, que non é outro que gozar do verán de forma divertida facendo deporte e fomentando as relacións persoais.
Para iso, o traballo tenístico enriqueceuse con outras disciplinas deportivas (padel, tenis de mesa, fútbol, preparación física) e lúdicas (xogos multimedia, sendeirismo, orientación ou xogos predeportivos).
Serán cinco monitores os encargados de supervisar as actividades, que teñen a vantaxe de poder realizalas nas instalacións como as do Club de Tenis que dispoñen de pistas cubertas, tanto de tenis como de pádel, que garanten o seu desenvolvemento sexan cales sexan as condicións climatolóxicas.
Desde os seus inicios, este campus enfocouse cara a unha oferta que vai máis aló da aprendizaxe ou perfeccionamento do tenis, por iso unha parte substancial do seu programa incide no fomento doutras capacidades, como o uso do inglés coa axuda e tutela dos profesores americanos.
A presenza destes docentes iniciouse en 2014 e este ano volverán dirixir diferentes actividades cos nenos utilizando o inglés como lingua.
A inscrición pode formalizarse chamado ao teléfono 669 70 73 51 (dispoñible todo o día) ou no mail chipiagrelo@gmail.com.