Javi Pazos e Campillo, moi preto do Pontevedra
Por Alejandro Espiño
O Pontevedra segue dando pasos, aínda que apenas transcendan, para completar o plantel para a próxima tempada 2018-2019. Á vez que espera a resposta daqueles xogadores que teñen sobre a mesa unha oferta para renovar os seus contratos, comezou a pechar as súas novas incorporacións.
Segundo confirmaron a PontevedraViva fontes próximas ao club, dúas destas fichaxes serán o dianteiro Javi Pazos e o defensa Alberto Campillo.
Javi Pazos, xogador desexado polo club granate desde hai tempo e formado na canteira do Pontevedra, foi un dos máximos goleadores das dúas últimas tempadas en Terceira División. Só co Arosa, este último ano, o de Marín anotou 25 goles.
Precisamente, o Arosa confirmou este xoves nun comunicado que o xogador abandona o cadro arlequinado "debido ás ofertas para militar en Segunda B". En caso de permanecer en Terceira, engaden desde a directiva, o Arosa "seguiría sendo o seu club".
O presidente Manuel Abalo agradeceu a Javi Pazos a súa "implicación e xenerosidade" na etapa do xogador no club, xa que "sempre foi fiel ás nosas cores". Ademais, deséxalle a "maior das sortes" na súa nova etapa deportiva.
Pola súa banda, Alberto Campillo -que actualmente militaba no Coruxo- regresará ao Pontevedra, conxunto no que xa estivo nas tempadas 2014-2015, na que logrou o ascenso á Segunda B, e 2015-2016.
O central vigués de 30 anos, moi querido pola afección pontevedresa, xogou 24 partidos co Coruxo ao longo da pasada tempada.
Relacionadas:
-
Kevin Presa seguirá un ano máis no Pontevedra tras renovar o seu contrato
Por Alejandro Espiño |
-
Anxo ficha polo Compostela tras rexeitar a oferta de renovación do Pontevedra
Por Redacción |
-
Pablo González, quinto reforzo do Arosa de Rafa Sáez
Por Redacción |
-
Adrián León súmase á lista de renovados no Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
Álex González acepta a oferta de renovación do Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
Primeiras renovacións en bloque no Pontevedra: Edu, Mouriño, Álex Fernández e David Castro
Por Diego Espiño |