Alfonso Sánchez, Iván Cruz e Laura Quevedo estarán no Campus Baloncesto Pontevedra
Por Alejandro Espiño
Dous xogadores da liga Endesa ACB, Alfonso Sánchez e Iván Cruz -ambos os dous do Real Betis Energía Plus-, serán os invitados na quinta edición do campus de perfeccionamento de baloncesto que Cuco Rodríguez organiza en Pontevedra. Xunto a eles estará Laura Quevedo, xogadora do CD Zamarat e internacional con España nos xogos de Río.
O campus, que foi presentado este xoves, desenvolverase nas instalacións de Príncipe Felipe entre os días 1 e 8 de xullo. Nel participarán 80 nenos e nenas, de entre 8 e 18 anos de idade. Sesenta deles estarán en réxime interno e pernoitarán no centro.
Cuco Rodríguez, director do campus, destacou que entre os participantes haberá este ano tres mozos chegados desde Finlandia. "Querían venir más compañeros de su equipo pero ya no había plazas", explicou. Ademais, haberá deportistas chegados desde Madrid e Asturias.
Xunto co adestramento específico de baloncesto, os mozos gozarán doutras actividades de lecer e convivencia, entre elas, unha visita ao parque acuático de Cerceda e un paseo en canoa e kaiak polo río Lérez, saíndo desde a praia fluvial.
Rodríguez sinalou que para este campus chegar á súa quinta edición "no fue un recorrido fácil", pero destacou que ano tras ano grazas á implicación do equipo técnico "la calidad es mejor".
Ademais, destacou que os tres xogadores profesionais que convivirán cos mozos deportistas durante unha semana "quisieron venir" e foron eles os que se ofreceron a compartir as súas experiencias neste campus de Pontevedra.
Cuco Rodríguez felicitou a Concello e Deputación de Pontevedra, colaboradores deste campus, polo seu "compromiso" co deporte e por converter á cidade "referente" en materia deportiva. Grazas a iso, dixo, "la gente nos conoce y quiere venir".