Os piragüistas pontevedreses, a polo Europeo junior e sub23 de Italia
Por Redacción
Preto de 700 atletas de 33 países participarán a partir deste xoves no campionato de Europa junior e sub23 de piragüismo, que se disputará no lago Santa Caterina da localidade italiana de Auronzo di Cadore.
Entre eles, haberá unha ampla representación de padeeiros galegos. Serán 16, un de cada tres dos deportistas que defenderán as cores da selección española. E, como non, os pontevedreses serán maioría.
Na categoría junior competirá Manuel Fontán (Náutico O Muíño) nas probas de C1 200 e C1 1.000 metros. Pola súa banda, María de la Peña (EP Ciudad de Pontevedra) estará en C1 200 e en C2 500 xunto a María Pérez (Náutico O Muiño), que correrá tamén o C1 500; e Raquel Torres (Piragüismo Verducido) participará no K1 500 e formará parte do K4 500.
Entre os sub23 destaca a participación de Noel Domínguez (Breogán do Grove) no C2 500 e o C2 1.000 metros xunto a Gonzalo Martín en ambos os casos, Luís Rodríguez (Piragüismo Portonovo), que formará parte do K4 500; e Iago Monteagudo (Club Naval Pontevedra), que ademais de integrar o K4 500, estará no K2 1.000 metros con Martín Montero.
Carla Sieiro (Piragüismo Poio), pola súa banda, será a representante pontevedresa nas probas de C2 200 e C2 500 metros, xunto a Raquel da Costa (Club As Torres de Catoira).
O programa previsto para o xoves conta coas eliminatorias de 1.000 e 500 metros. O venres seguirá coas semifinais de 1000 e 500 metros e as eliminatorias de 200.
As primeiras medallas outorgaranse o sábado cando se leven a cabo as finais en 1000 metros. O sábado tamén se correrán as semifinais de 200 metros. Por último, o domingo os campionatos concluirán coas finais de 500 e 200 metros.