En perigo varios eventos deportivos en Poio por un cambio de normativa de Portos de Galicia
Por Diego Espiño
A denegación de Portos de Galicia ao permiso necesario para celebrar o tradicional Tríatlon de Campelo a finais do presente mes de xuño en parte dos terreos do porto revelou unha situación que compromete a celebración de varios dos eventos deportivos que tradicionalmente se organizan en Poio.
Así o denuncia o Concello tras a aprobación por parte do organismo autonómico dunha nova normativa na que se restrinxe en boa medida as actividades recreativas e deportivas que se poden realizar en terreos dos portos da súa titularidade.
Ante esta decisión a empresa organizadora do tríatlon, Lodeco, presentou o recurso pertinente, pero tamén foi denegado esgotando a vía administrativa e deixando aberta a única opción de acudir ao xulgado contencioso-administrativo.
Segundo o goberno local, a falta de recibir contestación por escrito, tamén se denegou o permisos para o Torneo de Fútbol 3x3 que organiza a ACDM Armadiña, mentres que se poñen en dúbida outros eventos clásicos como a Travesía a nado de Raxó, o Acuatlón Concello de Poio en Combarro ou a Carreira Activa Combarro, así como o Campionato de España de Endurance que este ano se ía a celebrar en Raxó e que terá que se disputar nun lugar alternativo ou suspenderse chegado o caso.
O Concello de Poio, a través do Consello Municipal de Deportes, tomou a decisión de remitir unha comunicación a Portos de Galicia instando á modificación desta normativa "polo grave prexuízo que está a causar no desenvolvemento deportivo deste Concello", e que supón un problema para eventos deportivos que contaban con apoio comprometido desde principios de ano.
Relacionadas:
-
Cronometraxe electrónica e mellores premios, novidades na III Travesía a Nado de Raxó
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Poio consegue o OK de Portos de Galicia para os seus eventos deportivos, o primeiro o 3x3 Armadiña
Por Diego Espiño |
-
Bueu traslada á Fegamp diversas queixas contra Portos de Galicia
Por Oskar Viéitez |
-
Esther Rodríguez e Facundo Ismael Medard gañan o Tríatlon Concello de Poio
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |
-
Farto da actitude de Portos, Poio pide a desafectación da Praza da Chousa
Por Oskar Viéitez |
-
O PP de Poio disposto a axudar aos clubes deportivos ante as restriccións de Portos de Galicia
Por Oskar Viéitez |