O Umia queda a un paso de levantar a Copa Deputación feminina
Por Redacción
A só un paso quedou o Umia de converterse no equipo campión da Copa Deputación Feminina de fútbol, pero o Matamá impediuno ao impoñerse na vibrante final disputada este domingo no campo municipal das Gaiandas de Gondomar (2-1).
Pouco importou a categoría de cada un, xa que as de Barrantes achegáronse ao título plantando cara ao equipo vigués desde o inicio.
Así, aos 6 minutos de xogo, contaron cunha ocasión inmellorable de tomar vantaxe aproveitando un erro na zaga do seu rival, pero Alba Ferré non conseguía definir ante Kily e o balón perdíase pola liña de fondo.
Foi un aviso para o Matamá, que empezou a chegar con perigo ata que pasada a media hora de xogo Pau lograba poñer en vantaxe ás viguesas cun lanzamento desde a frontal que entraba na portería tras tocar na madeira.
Lonxe de vir abaixo, o Umia tirou de orgullo e a punto estivo de empatar antes do descanso nunha acción de Ferré que sacaba a defensa baixo pau.
Así se chegaba ao descanso e na segunda metade, aínda que o Matamá saíu disposto a sentenciar, as vermellas puideron de novo poñer o 1-1 nun saque de esquina rematado por Antía e nunha posterior oportunidade de Yoli. Non o lograron e o que chegaría pouco despois sería o 2-0 por medio de Noelia Pereiro. Faltaban 10 minutos para o final e aínda que moi difícil o Umia seguiu tentándoo ata conseguir recortar distancias a dous minutos do final nunha combinación rematada por Marga, poñendo emoción a uns instantes finais que xa non cambiarían o marcador. A pesar diso as de Barrantes despedíronse coa cabeza alta polo seu gran papel na competición.