Javi Gómez Noya, segundo no seu debut na esixente distancia Ironman
Por Alejandro Espiño
O de Javi Gómez Noya, sen dúbida, non é deste planeta. O triatlega galego, fincado en Pontevedra, volveu a dar mostras sobradas de que non hai distancia que se lle resista. En Australia debutaba na distancia Ironman, a máis esixente do tríatlon, e a pesar de ser a súa primeira carreira, logrou cruzar a meta en segunda posición.
Aos seus 35 anos, Gómez Noya deu este domingo o salto á disciplina Ironman e fíxoo baixando das oito horas de carreira. Parou o crono en 7 horas, 56 minutos e 38 segundos, a 1:40 do gañador, o neozelandés Braden Currie.
A proba, disputada na localidade de Cairns, constaba de 3,8 quilómetros a nado por Palm Cove, 180 quilómetros sobre a bicicleta ata o enclave turístico de Port Douglas e un maratón de 42 quilómetros con tres voltas a un circuíto urbano.
O triatleta galego saíu da auga xa no pelotón de cabeza, a tan só un segundo do máis rápido, o estadounidense Tim O' Donnell. Xunto a el ían os australianos Clayton Fettell e Casey Munro e o neozelandés Braden Currie.
Este último, experimentado na distancia Ironman, imprimiu un forte ritmo sobre a bicicleta, e discorreu en solitario case a metade do percorrido. A partir de aí sumáronse outros dez homes, entre os que se adiantou o francés Denis Chevrot e o surafricano Terenzo Bozzone, que deixou a bici en primeiro lugar con Gómez Noya, sétimo, a 52 segundos.
A carreira a pé situou na cabeza a Bozzone e a Currie, pero por detrás Gómez Noya progresaba rapidamente. No quinto quilómetro xa estaba a 38 segundos e no oitavo situábase terceiro, perseguindo en solitario aos escapados, a quen deu caza no quilómetro 14. Pouco despois, o galego quedou a soas co neozelandés.
Iniciábase entón un man a man que, noutras condicións, sería propicio para o ferrolán pero o desgaste que fixo nos primeiros quilómetros do maratón para atrapar aos dous homes que ían escapados penalizouno. Currie despegouse del no quilómetro 30 e, aos poucos, foi aumentando a súa diferenza ata entrar en meta 1:40 antes que Gómez Noya.
Esta carreira foi, en todo caso, unha gran pedra de toque para Javi Gómez Noya, que xa ten a mente posta no próximo 13 de outubro, data na que se disputará en Kona (Hawaii) o mundial desta disciplina case sobrehumana.
Relacionadas:
-
Chega a hora da verdade para Javi Gómez Noya, que busca ampliar a súa lenda no Ironman de Hawaii
Por Diego Espiño |
-
Gómez Noya pon rumbo ao Mundial Ironman de Hawaii: "No es fácil llegar la primera vez y ganar"
Por Redacción |
-
Medalla de bronce para Javi Gómez Noya no Mundial Ironman 70.3
Por Redacción |
-
Gómez Noya cítase coa historia en Sudáfrica en defensa do título Mundial de Ironman 70.3
Por Redacción |
-
Brillante dobrete de Gómez Noya e Pablo Dapena no Challenge Praga
Por Diego Espiño |
-
Gómez Noya también arrasa no Ironman 70.3 de Barcelona
Por Diego Espiño |
-
Adrián Sieiro, Sergio Vallejo, Gómez Noya, Echávarri ou Támara Echegoyen, bolseiros do Plan ADO para 2018
Por Diego Espiño |
-
Gómez Noya arrasa en Cannes e presenta as súas credenciais na longa distancia
Por Redacción |