O Natación Galaico e a Universidade de Vigo unen forzas
Por Redacción
Como mellorar a preparación e o rendemento dos nadadores de formación será o obxectivo do contrato de I+D formado entre o Club Natación Galaico e a Universidade de Vigo.
En concreto Emerson Ramírez, profesor da Facultade de Ciencias d Educación e do Deporte, desenvolverá unha investigación en colaboración dos adestradores do club para avaliar, con nadadores e nadadoras de entre 8 e 16 anos, a organización e distribución das cargas de adestramento das diferentes capacidades físico-motoras (forza, resistencia, velocidade, flexibilidade e coordinación), e a súa adecuación coas diferentes fases de desenvolvemento dos deportistas.
Esta colaboración supón "un antes e un despois para o club en canto aos métodos de adestramento", sinalou a presidenta do Galaico, Amparo Porta.
Pola súa banda o docente destacou que a maioría dos estudos científicos referidos á natación realízanse con deportistas de alto rendemento, mentres que son escasos os centrados en idades de formación.
"Ao longo de todo o proceso faremos probas físicas e técnicas adaptadas para cada idade", explicou Emerson Ramírez, cunha análise que comprenderá o dominio das habilidades acuáticas, probas de axilidade e coordinación fose da auga, probas de forza, probas de técnicas específicas de nado e os seus fundamentos (saídas, xiros e chegadas), que serán avaliadas a través de tests. A estas avaliacións sumarase un control dos volumes, intensidades e recuperación das cargas aplicadas relacionándoos con resultados nas competicións. Así mesmo, o estudo comprende tamén a realización de controis psicolóxicos tanto nos adestramentos como en competición.