Calma na Segunda B para o próximo curso
Por Redacción
A chegada de Luis Rubiales á presidencia da Real Federación Española de Fútbol aliviou en parte o abafo dos equipos da Segunda B e Terceira División ante unha reestruturación, que parecía inminente e que provocaría na práctica o descenso de 60 dos 80 equipos da categoría de bronce.
Rubiales expresou o seu desacordo coa proposta aprobada polo recente Congreso do Fútbol Afeccionado, que de ser aprobada na próxima Asemblea da RFEF entraría en vigor na tempada 2019/2020, convertindo o próximo ano en decisivo para a configuración das futuras categorías.
A vontade do presidente federativo de escoitar a todas as partes implicadas no proceso e buscar outra fórmula para potenciar estas categorías, que en todo caso entraría en vigor agora no curso 20/21, resta certa urxencia aos equipos este verán, tendo en conta que agora parece pouco probable que a proposta impulsada por Marcelino Maté saia adiante na Asemblea, tal e como tería pasado se as eleccións á RFEF as gañase Larrea.
Tanto é así que unha das primeiras medidas de Rubiales no organismo federativo é substituír ao propio Marcelino Maté como presidente da Comisión de Segunda B, propoñendo para o seu posto a José Ángel Peláez, actualmente presidente da Federación Cántabra.
Desta forma, salvo sorpresa maiúscula, a Segunda División B terá a próxima tempada o formato habitual dos últimos anos con catro grupos de 20 equipos. Falta saber a repartición xeográfica dos mesmos, que como cada verán xerará controversia nalgunha das rexións implicadas.