O Teucro Infantil feminino clasifícase para a Fase final do Sector Estatal
Por Redacción
O equipo Infantil Feminino A "Clínica Véteris" da Sociedade Deportiva Teucro clasificouse para xogar a Fase final do Sector Estatal.
Trátase de toda unha xesta para un equipo que comezou a súa andaina hai 3 anos.
Agora mesmo está formado por once nenas de 13 anos e reforzado por tres compañeiras do equipo Infantil Feminino B. Elas son as extremo: Abi, Antía, Nati e Lucía; as centrais: Aroa, Carmela e a capitá Carla; as laterais: Mara, Naira e Mencía; as pivote: Marta e Noe; e as porteiras: Paula e Raquel.
Esta tempada 2017-2018 clasificáronse como campioas galegas da División de Honra Infantil Feminina logrando así o pase directo para poder xogar a segunda fase do sector estatal. Son o primeiro equipo feminino galego en conseguilo dous anos consecutivos xa que a tempada pasada tamén o alcanzou.
Esta fin de semana está a celebrarse en Pontevedra a 2ª fase estatal do sector A disputado polos equipos: Ebb Basauri Uribarri, Siero de Bm Villanueva, Aula Valladolid e as anfitrioas da Sd Teucro.
O venres 25 de maio celebrouse o primeiro partido contra Basauri cun resultado de 24-18. Un partido que se gañou grazas aos contraataques e unha boa defensa.
Este sábado 26 ás 12:00 xogouse o segundo dos partidos contra o Siero Villanueva, un equipo moi forte que plantou cara ás locais. Despois dunha mala primeira parte na que o Teucro estivo fóra do partido as pontevedresas fóronse ao vestiario cun tanteo en contra de 7-13, con 6 goles de desvantaxe que non presaxiaban nada bo. Pero se algo ten este equipo feminino é que nunca dá nada por perdido e loita ata o final. Unha incrible defensa conseguiu unha gran remontada dándolle a volta ao marcador ata deixar un resultado final de 17-16 que cumpriu todos os soños deste equipo.
Mención especial a unha xogadora a maiores que tiveron as azuis… a súa afección que tampouco se rendeu en ningún momento.
O Teucro será o primeiro equipo pontevedrés infantil feminino en xogar a Fase Final do Sector Estatal que se celebrará a primeira semana de xuño. De momento xa poden celebrar ser un dos 8 mellores equipos infantís femininos de España.
A adestradora Laura del Castillo, que non puido conter as bágoas ao finalizar o encontro, lembra que, aínda que xa están clasificadas, este domingo teñen que xogar un último partido contra a Aula de Valladolid que se disputará no Pavillón dos Deportes ás 12:00 e que lles permitirá gozar con toda a súa afección.
Relacionadas:
-
O Teucro Infantil Feminino regresa do Nacional sen coroa
Por Redacción |
-
Ademar imponse ao Cisne no sector masculino infantil e evita o pleno pontevedrés
Por Ramiro Espiño |
-
Ilusión por bandeira para o Teucro ante a fase zonal feminina do Campionato de España Infantil
Por Diego Espiño & Paula Sanmartín |
-
RADIO.- Conversas na Ferrería: O "fair play" do Teucro infantil feminino
Por Marisa Ciordia |