Aposta táctica do Mapfre na etapa 9 da Volvo Ocean Race
Por Redacción
Coa clasificación xeral da Volvo Ocean Race nun puño, o Mapfre quere consolidar a súa posición de privilexio cun bo resultado na última etapa, a 9, que contará con dobre puntuación.
Con todo a novena etapa, tras varias xornadas de navegación, obrigou a tomar unha importante decisión que dividiu en dous á frota.
A embarcación do Real Club Náutico de Sanxenxo viuse relegada ás últimas posicións provisionais, xunto ao seu principal rival na xeral, o Dongfeng, e o Team Sun Hung Kai Scallywag . Eles son os únicos que apostaron por ir máis ao norte, nun camiño máis directo cara a Cardiff (Gales), mentres que o resto dos seus rivais deron un rodeo para coller a cola dunha borrasca gañando lixeira vantaxe.
Esta situación, esperan desde o desafío español que de resultados nas próximas horas cos cambios de vento previsto.
"Houbo unha gran división nestas últimas 24 horas de etapa. Pasamos de vernos uns a outros a unhas cantas millas de distancia a estar onde estamos agora. Aínda queda moito, pero veremos que pasa nesta transición e no novo vento que vén despois”, afirma o neozelandés Blair Tuke.
Á primeira hora deste mércores 23 de maio o Mapfre navegaba na sexta posición provisional a máis de 60 millas do Team Brunel, pero era o barco con máis velocidade.
Os participantes cubriron aproximadamente un terzo do percorrido desta etapa, entre Newport e Cardiff, de 3.300 millas náuticas de distancia.