A permanencia, en mans do Marcón e máis complicada para o Campo Lameiro a unha xornada para o final
Por Redacción
O Marcón Atlético depende de si mesmo para esquivar calquera posibilidade de arrastre que lle condene ao descenso na última xornada de Preferente.
As contas para os pontevedreses son claras, deben igualar o que faga o Alertanavia ou que o Coruxo consiga vencer no play-out de 2ª B. Se algunha desas dúas cousas sucede, os de Borja Burgos non mirarán xa ao que suceda noutros campos e categorías.
Ese dereito gañárono este domingo no campo, pero fixérono sufrindo nun partido tolo ante un Nogueira de Ramuín que chegaba ao Carrasco xa descendido pero que puxo as cousas difíciles (4-3).
O choque foi de ida e volta na primeira metade, comezando aos dous minutos co primeiro tanto dos visitantes. Iván no minuto 9 e Sapi no 14 volteaban pronto o marcador e parecían poñer en orde o encontro. Non foi así e de novo o Nogueira empataba, no 24, e a situación volvía repetirse antes do descanso, co 3-2 de Martín no 42 e a igualada a continuación nunha acción desafortunada dos locais.
Todo quedaba para o segundo acto, onde a tensión foi crecendo ata que Sapi, desde o punto de penalti e co seu equipo en inferioridade, facía no 74 o definitivo 4-3.
Con esta vitoria o Marcón mantense décimo terceiro na táboa con 46 puntos.
Consulta a acta do Marcón Atlético-Nogueira de Ramuín.
O que si xa depende do que suceda noutras categorías é o Campo Lameiro, que fixo o que estaba na súa man esta xornada gañando ao Bande (2-0) na que supón a súa segunda vitoria consecutiva, pero os triunfos dos seus rivais déixanlle pendente dos malditos arrastres.
Os de Romario protagonizaron un gran partido, que empezou a decantarse aos 20 minutos da primeira metade co gol de Bruno.
Os verdes mantíñanse firmes conservando a súa renda e á espera de aproveitar unha oportunidade para ampliar o marcador, o que lograron a 6 do final por medio de Juanillo.
A pesar da vitoria o Campo Lameiro segue situado no posto 16 con 42 puntos, os mesmos que un Caselas ao que aínda pode superar na última xornada para tentar agarrarse á permanencia en función dos ascensos e descensos que se produzan no fútbol galego.
Consulta a acta do Campo Lameiro-Bande.
Homenaxe do Unión Grove no Monte da Vila para despedirse por esta tempada da súa afección cunha goleada incontestable ante o pechacancelas da competición, o Ribeiro (5-1).
O cadro meco adiantouse aos 6 minutos de xogo e non deixou de dominar. Primeiro marcou Dieguito e logo Jacobo fixo o segundo. Ao fío do descanso os visitantes conseguían recortar distancias, pero na continuación o Grove tirou de pegada e completou a goleada con outros dous goles de Dieguito e outro de Diego González.
O triunfo coloca ao equipo do Monte dá Vila con 59 puntos na oitava posición.
Consulta a acta do Unión Grove-Ribeiro.
O Xuventú Sanxenxo viuse superado a domicilio por un equipo que xogaba o ascenso directo como a UD Ourense (4-1).
O que tiña en xogo o equipo local demostrouse nunha maior intensidade, que lle permitiu conseguir poñerse 2-0 nos primeiros 20 minutos. Aínda que os amarelos tentaron entón meterse no encontro, en catro minutos ao comezo do segundo acto os locais sentenciaron e Hugo só puido maquillar o resultado co gol da honra no 78.
Con este resultado o Sanxenxo queda con 62 puntos na sétima posición.
Consulta a acta do UD Ourense-Xuventú Sanxenxo.
Derrota intranscendente do Beluso no seu feudo ante un Moaña máis efectivo (1-2).
O duelo mantívose igualado durante os primeiros 45 minutos, e non comezou a decantarse ata mediado o segundo acto, cando os visitantes adiantáronse, sentenciando no 85 co segundo gol. Houbo tempo para que Adrián recortase distancias, pero o marcador xa non se moveu no desconto confirmando o 1-2 final.
O Beluso con esta derrota conta con 53 puntos e mantense na novena praza.