Pablo Dapena repite en Lisboa triunfo na franquía Challenge
Por Diego Espiño
O inicio de tempada está a resultar inmellorable para Pablo Dapena, que este sábado en Lisboa sumou o seu segundo triunfo do ano dentro da franquía Challenge.
Despois de ser segundo en Roma e de vencer en Mogan, Gran Canaria, o triatleta pontevedrés volveu subir o máis alto do podio nunha carreira que se disputou en formato de media distancia, con 1.900 metros de natación, 90 quilómetros de ciclismo e 21 quilómetros de carreira a pé.
Dapena dominou a proba desde o segmento de natación, chegando á primeira transición na cabeza e mantendo o tipo durante os 90 quilómetros de ciclismo, nos que foi cazado por dous dos seus rivais, o alemán Patrick Dirksmeier e o esloveno Jaroslav Kovacic.
Os tres chegaron á última transición xuntos, polo que todo se xogaría na carreira a pé, e aí o pontevedrés demostrou o seu gran estado de forma chegando a meta en solitario cun tempo de 3 horas, 39 minutos e 11 segundos. Tras el, a 37 segundos, chegaría Dirksmeier, mentres que Kovacic completou os postos de podio.
Tras esta cita, Pablo Dapena pensa xa en volver á competición dentro dunha semana cunha nova cita da franquía Challenge, na localidade catalá de Salou.
Relacionadas:
-
Pablo Dapena, obxectivo Campionato do Mundo de Tríatlon de Longa Distancia
Por Diego Espiño |
-
Pablo Dapena non baixa do podio e é segundo na Challenge Salou
Por Redacción |
-
Un espectacular Pablo Dapena vence en Gran Canaria superando ao campión do Mundo Ironman
Por Diego Espiño |
-
Pablo Dapena estrea tempada cun segundo posto no Challenge Roma
Por Diego Espiño |