Punto agónico e de ouro para o Marcón, o Campo Lameiro segue na pelexa e o Sanxenxo dáse unha homenaxe
Por Redacción
A un paso da permanencia queda o Marcón Atlético na Preferente despois do agónico empate que logrou este domingo no campo dun equipo que xogaba a súa presenza no play-off, o Bande (1-1).
Os locais tomaron vantaxe aos 6 minutos de xogo, pero os pontevedreses non viñeron abaixo e mantivéronse no encontro esperando unha oportunidade para igualar.
Os minutos foron pasando e o desacerto impedía facer dano ao rival, ata que chegou a prolongación do encontro. Un tempo de desconto longo e que os de Borja Burgos espremeron ao máximo, xa que Jesús conseguiu o empate na última xogada do partido.
Con esta igualada o Marcón mantén a décimo terceira praza con 43 puntos.
Consulta a acta do Bande-Marcón Atlético.
Non renuncia o Campo Lameiro a pelexar por seguir un ano máis na categoría despois de vencer, non sen sufrimento, ao xa descendido Ribeiro (0-1).
Os verdes recortan puntos para empatar co equipo que lle precede, o Caselas (39 puntos), e manteñen viva a chama da esperanza para evitar os arrastres a final de tempada.
Un gol de Ángel aos 60 minutos fixo xustiza aos de Romario, que lograron despois defender a súa renda para lograr un triunfo que pode resultar vital.
Consulta a acta do Ribeiro-Campo Lameiro.
Goleada de escándalo a conseguida polo Xuventú Sanxenxo, que se deu toda unha homenaxe en Baltar de Arriba á conta do Valladares (9-2).
Os amarelos dominaron o choque de punta a cabo, e ao descanso xa vencían por 4-0 con goles de Aitor Gómez (2), Adrián Freire e outro en propia meta. Xa na segunda metade completaron a goleada Hugo, de novo Aitor Gómez, Javi Nogueira e Álex Currás.
Coa vitoria o Sanxenxo colócase con 62 puntos na sétima praza.
Consulta a acta do Xuventú Sanxenxo-Valladares.
Derrota do Beluso ante un Gondomar que demostrou que se xogaba a permanencia na categoría (3-1).
Os de Bueu adiantáronse na primeira metade cun gol en propia meta, pero os locais reaccionaron tras o descanso e deron a volta ao marcador.
A pesar da derrota o Beluso segue na novena posición con 53 puntos.
Consulta a acta do Gondomar-Beluso.
Dura derrota do Unión Grove a domicilio, no campo do Pontellas, nun encontro con pouco en xogo (4-1).
O cadro meco foi a remolque no marcador desde o minuto 37 vendo como o seu rival golpeaba ata en catro ocasiones e só podendo maquillar o resultado no último minuto de xogo.
Este resultado deixa aos do Grove na oitava posición con 56 puntos.