O Froiz volve liderar o ránking nacional catro anos despois
Por Redacción
Durante sete tempadas consecutivas o Grupo Deportivo Supermercados Froiz chegou a dominar o ránking nacional elite e sub-23, sendo o mellor equipo do pelotón en cada un destes anos.
Con todo había xa catro anos que o equipo alimenticio non se colocaba no alto desta clasificación xeral, tal e como acaba de suceder cando se atravesa o ecuador da tempada.
A boa actuación colectiva na Copa de España, a pesar de verse distanciado da pelexa polo título a nivel individual, ademais de vitorias parciais noutras probas como o Trofeo Iberdrola, devolveron á escuadra dirixida por Evaristo Portela ao máis alto.
Actualmente o Froiz lidera o ránking nacional con 1.236 puntos, polos 1.085 do Caja Rural na segunda posición e os 905 puntos do Lizarte na terceira.
Desde o equipo alimenticio esperan poder manter esta posición de privilexio na segunda parte da tempada, cando aparecen no calendario algúns dos grandes obxectivos da tempada, como son as roldas por etapas como a Volta a Coruña, Zamora, Salamanca e a Volta a Galicia.