O Mapfre recupera o liderado da Volvo Ocean Race tras unha espectacular remontada en Newport
Por Redacción
De infarto. Así foi o final da Etapa 8 da Volvo Ocean Race que sorprendentemente se adxudicou o Mapfre tras unha espectacular remontada nas dúas últimas xornadas de navegación.
A embarcación do Real Club Náutico de Sanxenxo, que se viu relegado ao quinto lugar por problemas eléctricos a bordo, mantíñase a 48 horas da chegada a Newport (EEUU) en quinta posición a 37,6 millas do liderado. Con todo comezou a superar rivais e a gañar terreo situándose a 24 horas terceiro a 19,1 millas, con Brunel e Dongfeng pelexando polo triunfo parcial.
Finalmente, cando só quedaban unhas horas para o final e a frota avanzaba cara á meta con condicións de vento moi suave e corrente en contra, o desafío español logrou adiantar o equipo chinés e a apertar o Brunel a quen superou nos últimos metros para cruzar a liña de chegada en primeira posición con só 61 segundos de vantaxe.
O terceiro posto adxudicouno finalmente o Vestas uns 15 minutos máis tarde. Dongfeng, pola súa banda, finalizou a etapa en cuarta posición facendo máis valioso o botín do Mapfre, que recupera así o mando na clasificación xeral da Volta ao Mundo a Vela con 53 puntos, polos 50 do propio Dongfeng e os 42 do Team Brunel, principais rivais cando só restan tres etapas para a conclusión da regata.
"Estas dúas últimas horas foron de infarto, non só porque non había vento senón tamén porque a corrente estaba en contra, os catro primeiros barcos estabamos pegados en apenas cinco millas… Todo podía pasar! Finalmente conseguimos gañar a etapa e estamos moi contentos", recoñeceu a pontevedresa Támara Echegoyen xa en terra.
O Mapfre completou as 5.644 millas de percorrido entre Itajaí (Brasil) e Newport (EEUU) en 15 días, 17 horas, 44 minutos e 29 segundos, cunha velocidade media de 14,94 nós.
Agora, tras un merecido descanso, a tripulación española empezará a preparar a seguinte etapa da competición, que partirá o día 20 de maio con 3.300 millas de percorrido entre Newport e Cardiff, en Gales.
Relacionadas:
-
Aposta táctica do Mapfre na etapa 9 da Volvo Ocean Race
Por Redacción |
-
Volven os problemas para o Mapfre na Volvo Ocean Race
Por Redacción |
-
O Mapfre de Támara Echegoyen cede posicións na Etapa 8 da Volvo Ocean Race
Por Redacción |
-
Ao Mapfre séguenlle saíndo as contas para pelexar pola vitoria na Volvo Ocean Race
Por Redacción |