O Cambados únese á festa e tamén logra o ascenso á Superdivisión Masculina de tenis de mesa
Por Redacción
Festa completa para o tenis de mesa pontevedrés na fase de ascenso á Superdivisión masculina celebrada no pavillón da Cidade Infantil de Príncipe Felipe.
Se este luns o club local, o TM Monte Porreiro, lograba por primeira vez na súa historia e de maneira brillante o ascenso á máxima categoría nacional, este martes seguiu os seus pasos o Cambados Tenis de Mesa facéndose coa segunda das prazas en xogo.
Os do Salnés chegaban á segunda xornada da fase de ascenso tras superar en primeira rolda o ASSA Alicante (4-3) e na segunda o ADTM Leganés (4-2). Fronte a eles, o campión do Grupo II da División de Honra, o Natació Mataró, repescado tras a súa derrota no duelo de campións contra o Monte Porreiro.
Nada auguraba un duelo sinxelo e así foi, cun emocionante enfrontamento que se decidiu no desempate, no partido de dobres no que Rafael Taboada e José Manuel Ruiz deron o punto decisivo ao seu equipo superando en tres xogos a Xavier Peral e Sergi Grau.
A eliminatoria comezou favorable para o cadro catalán xa que se anotou o primeiro punto en xogo coa vitoria Sergi Grau sobre José Manuel Ruiz (1-3), pero o Cambados reaccionou e deu a volta á situación anotándose os tres seguintes partidos. Fernando Padín venceu a Xavier Peral (3-2), Rafael Taboada a Yordi Jason Ramos e José Manuel Ruiz a Xavier Peral (1-3). O ascenso estaba na man, aínda que se fixo de rogar ao empatar o Mataró o enfrontamento levando os dous seguintes puntos.
Por fortuna no dobres non houbo cor e o Cambados completou unha competición redonda para o tenis de mesa pontevedrés e galego.
Relacionadas:
-
O Tenis de Mesa Monte Porreiro apostará polo mesmo equipo para competir na máxima categoría
Por Diego Espiño |
-
Histórico ascenso do Monte Porreiro á Superdivisión Masculina de tenis de mesa
Por Diego Espiño & Mónica Patxot |
-
O ascenso escápaselle ao equipo feminino do Tenis de Mesa Monte Porreiro
Por Redacción & Diego Torrado |
-
O Tenis de Mesa Monte Porreiro xogará na casa polo ascenso á máxima categoría
Por Diego Espiño |