O boxeo pontevedrés loce as dúas medallas conseguidas no Campionato de España
Por Redacción
Germán xogaba ao fútbol e Héctor facía kick boxing, pero o boxeo enganchounos e en só uns meses de duro adestramento conseguiron estrear o palmarés local nun Campionato de España de Boxeo Olímpico colgándose dúas medallas de bronce.
No torneo celebrado recentemente en Béjar, Salamanca, os boxeadores pontevedreses Héctor Rodríguez e Germán Díaz concluíron terceiros nas categorías júnior de ata 91 quilos e cadete de ata 54 quilos respectivamente.
Os dous deportistas mostraron as súas medallas na recepción que lles brindou o concelleiro de Deportes Agustín Fernández, un encontro no que tamén estaba o seu adestrador na Selección Galega, José Manuel Santiago, que destacou o potencial e futuro que teñen os seus dous pupilos, sempre e cando continúen cuns adestramentos que na actualidade oscilan entre as dúas e tres horas diarias.
O preparador, presidente ademais da Asociación Boxeo Pontevedra (ABP), defendeu a boa saúde deste deporte na cidade, cun número de licenzas que nos momentos de máxima actividade supera as 200.